
O Día pola Independencia a plataforma Causa Galiza saíu a rúa para reivindicar o dereito á autodeterminación de Galiza e denunciar unha constitución española que non respecta os nosos dereitos como pobo e que cada vez menos persoas tivemos a oportunidade de rexeitar por un factor de idade.
Causa Galiza naceu como unha plataforma do independentismo galego para reivindicar o dereito de autodeterminación, xa que o nacionalismo maioritario foi traizoando este dereito fundamental do pobo galego coa esperanza de aumentar o peso electoral . O tempo demostrou que esta estratexia foi e é errada mesmo para acadar máis poder autonómico e hoxe en día, só a plataforma social e apartidaria levanta a bandeira desta reivindicación fundamental. Desde o nacionalismo maioritario atacase esta organización non só nos foros de internet senón que desde o cativo poder municipal que ostenta; velaí a actitude do concello de Santiago de Compostela que nega infraestruturas de todos os veciños e veciñas a Causa Galiza e pon atrancos a celebración dos seus actos nun intento de frear a aparición dunha organización que supla o espazo político que eles abandonaron ou que nunca ocuparon. Causa Galiza non ten como fin presentarse a ningún proceso electoral e mesmo sería lóxico que nela se integrasen todas aquelas persoas, colectivos e partidos que coinciden na necesidade de reivindicar, á marxe de loitas partidaria, o dereito antes referido, pois non debemos esquecer que a celebración do 25 de xullo do BNG é tan só un acto partidario e que hai anos que non está centrado na reivindicación deste dereito por interese electoral.
Non vou defender a capacidade mobilizadora de Causa Galiza, que de momento e en datas non institucionalizadas no calendario mobilizador é mais ben cativa; noutras datas como é o 25 de xullo esa cativeza parece que empeza a deixar paso a un incremento nada desprezábel, pero si vou defender os avances producidos pola parroquia independentista no aspecto organizativo. A celebración do 25 de xullo deste ano xunto coa xornada reivindicativa do Día pola Independencia deixou claro que Causa Galiza xa é unha organización madura que articula o aspecto formal dos actos, das intervencións e mesmo da parte lúdica cunha seriedade nada da cultura popular que a pon a altura de calquera organización existente en Galiza.
Acadada a capacidade organizativa do independentismo galego chegou o momento de ser capaces de xuntar forzas para crear o paraugas político que lle dea cabida a todo o nacionalismo que non comunga coas rodas de muíño do BNG. Nesta nova organización teñen que estar arroupados os centros sociais existentes en Galiza, a totalidade das organizacións políticas que acrediten nesta necesidade, os sectores sindical obreiro e labrego que xa esta a traballar por un novo modelo social e económico para Galiza, os medios de comunicación que optan pola vía do soberanismo, as organizacións que pelexan polo monolingüismo social do galego-portugués e sobre todo ten que ser o paraugas do milleiros de galegos e galegas que cansos da burocratización do nacionalismo maioritario e do xeito de entender e facer política do BNG prefiren darlle a oportunidade ao pobo galego. É imprescindíbel a creación desta organización pois só desde a articulación do espectro sociolóxico que representamos entre todos seremos capaces de pasar a terceira fase que é a de incrementar apoios, ter unha ferramenta de acceso á información, ter unha ferramenta de amplificación das nosas proposta e sobre todo ter unha ferramenta de autodefensa (autodefensa que quedou demostrado é posíbel conseguir cando logramos entre todos e todas que as forzas de ocupación españolas nos deixaran desenvolver o Dia pola Independencia sen a súa provocadora presenza). É esta a encrucillada na que estamos a que nos toca superar a que xa iniciamos e que só superaremos se a nosa militancia e o noso compromiso e coa nación secular que se chama Galiza e non coa organización temporal na que cada un de nós forma parte.