Desde o Movemento pola Base, como non pode ser doutro xeito, alegrámonos polo grande éxito que tivo a movilización deste domingo en defensa do Galego.Cremos que se trata dun éxito colectivo e, en particular, das bases do nacionalismo e do tecido social que defende con orgullo os sinais de identidade da nosa nación. Unha vez mais amósase que contamos cunha sociedade dinámica e disposta a movilizarse na defensa dos seus intereses e direitos. Que o goberno do PP tome nota e se prepare. Do mesmo xeito e para evitar cairmos no "panfleto" teremos que admitir que resulta patético pretender arrogarse a representación partidaria dunha movilización deste tipo. Non porque nunha grande parte non sexa certo que é o nacionalismo institucional (BNG) quen realmente hexemoniza este tipo de loitas (por arriba mais tamén por abaixo) e quen despois recolle a maior parte dos apoios eleitorais de moit@s dos que onte se manifestaron, iso témolo claro. É patético porque a situación da nosa lingua non está para partidismos e porque reducir a defensa da lingua a discursos de partido é o pior favor que lle podemos facer a todos os galegofalantes orgullosos de selo. De todos xeitos a capacidade para diferenciar o lexítimo do oportuno non é algo que se estile nas altas instancias da dirección política. Polo que se refire ao bloque crítico polo monolingüismo social (Manifesto dos tres Puntos [3]-Galego, Sempre Mais), que agrupaba a sectores do independentismo, a colectivos normalizadores, reintegracionistas, centros sociais e forzas sindicais, e no que participamos as xentes do MpB, cremos que se deu un paso mui importante que vai consolidando un corpo militante e activista, fundamental nestes momentos para combatir desde abaixo a ofensiva españolizadora e o proceso de substitución lingüística no noso País. Cremos que o que se escinificou este domingo na praza do Toural é un paso mais na conformación e ampliación dun movemento que aposta con claridade pola hexemonía social do Galego, que se construe desde a base e que enriquece o movemento normalizador. Unha vez mais cremos que os partidismos sobran e afirmamos que pola nosa parte, comprometidos coa defensa da autonomía das organizacións normalizadoras, hai vontade de alicerzar a unidade de acción con tod@s @s que defenden un movemento amplo que constrúa hexemonía social do Galego todos os dias e desde abaixo.