Principios e obxetivos
A nosa é unha organización da Clase Traballadora que asume como principios e obxectivos os intereses estratéxicos da Clase Operaria Galega.
A nosa organización non se conforma con criticar e reformar o capitalismo senón que defende a superación do sistema que está na base mesma da opresión e da inxustiza, isto é, a defensa do socialismo como alternativa, do antiimperialismo e da solidariedade internacional.
Loitamos pola plena soberanía nacional de Galiza, cunha posición independentista, que se ha acadar a través da acción política, de conquistar o dereito de autodeterminación e da construción do poder popular.
A liberación nacional está ligada á loita de clases. Superada a época histórica das revolucións burguesas, correspóndelles ás clases populares pórse á cabeza das loitas democráticas e republicanas.
Loitamos contra todos os sistemas de dominación, traballaremos contra unha división xerarquizada e de xénero da sociedade. Defenderemos un modelo de sociedade igualitaria, sen discriminación de xénero nin por identidade ou opción sexual.
Defendemos as coordenadas históricas do nacionalismo asembleario, popular e participativo, que pule porque as clases populares teñan o protagonismo que lles corresponde.
A utilización como ferramenta do marxismo, para alén das contribucións que se fixeron ou poidan realizar, entre as que temos que salientar o leninismo, para a conformación dunha ideoloxía superadora da explotación dunhas persoas por outras. Recollemos como esencial, para o seu estudo e divulgación, a experiencia da loita secular do movemento social en Galiza a prol da defensa da nosa identidade nacional e pola liberación; así como noutros países as loitas da clase operaria, das organizacións populares en xeral, e dos movementos de liberación nacional.
Entendemos o laicismo como un valor irrenunciábel parello ao noso modelo de artellamento social.
Consideramos a defensa do Medio, o respeito pola natureza e polo patrimonio un eixo fundamental a desenvolver en todos os aspectos da nosa práctica política.