Colapso, revolución e saída
Unha análise crítica, á marxe das falacias oficiais, axiña arroxa a conclusión de que a situación socioeconómica actual non responde á definición exacta de crise. Son moitas as voces que sosteñen razoadamente que somos vítimas do colapso do sistema, que padece as evidencias das súas propias contradicións. Estas depresións son cíclicas e características dun modelo que se basea na acumulación e concentración do poder (político, económico, financeiro) e en medrar infinitamente nun contexto limitado. Historicamente estas encrucilladas resolvéronse con guerras, conflitos bélicos de alta intensidade que de fondo tiñan disputas comerciais e/ou xeopolíticas entre as potencias mundiais. Hoxe non vemos tanques, nin bombardeos, nin mortes sanguentas en territorio occidental (outros casos hai noutras latitudes). Hoxe os ataques asínanse en papel, chámanse débeda, prima de risco, crédito ou semellantes.
Se ben non vemos os disparos contra a poboación, esta análise contempla que nos atopamos en plena contrarevolución neoliberal, que superou as ataduras, o respecto ás formas e o medo a unha resposta social verdadeiramente contundente. Esa falta de prudencia ao comprobar que ten o camiño libre faina máis virulenta e agresiva. Non ten necesidade de aparentar, non ten que manter o marco ornamental da democracia porque pasa por enriba dela a cada momento. Crea barullo, lanza impactos constantemente, golpes a zonas sensibles con total impunidade que se esvaecen debido ao seguinte golpe. Instalaron á perfección o estado de shock (imprescindible ver o documental “A doutrina do shock”, de Naomi Klein) e están a obter resultados inmediatos. A seguir tratarei de facer un rápido repaso desta situación dende alá arriba ata chegar aquí abaixo.
En Europa cae a farsa da UE, que nunca foi outra cousa máis que un acordo comercial para favorecer os intereses dos países centroeuropeos. Impóñense os poderes financeiros, sendo principalmente o FMI e o BCE os executores que impulsan esa revolución neoliberal, os que ensaian experimentos nos países do sur. Mantéñense os negocios, non se deixou de vender armamento (o caso grego é insultante) mentres se afoga á poboación en nome do déficit. Déronse, literalmente, golpes de Estado impoñendo Gobernos afíns ou mesmo repetindo eleccións se os resultados das mesmas non producen o requirido. Márcanse, xa que logo, períodos pseudoelectorais en Estados carentes xa de soberanía verdadeira. Todos aceptan unha chantaxe imposta en nome do equilibrio orzamentario, que non é máis que a consigna estrela dos fillos bastardos de Milton Friedman paridos dende Chicago e para o mundo. É un xogo descuberto no que todos aceptan perder: o diñeiro público servido ao 1% emprégase para mercar débeda ao 6%, e así xira a roda. Tan só con esa simpleza queda desmontada toda a farsa.
Esta revolución neoliberal, que é desta volta o xeito de resolver o colapso sistémico, o conflito bélico sen ser chamado guerra, antepón a reconcentración (característica sempre, lémbrese) de poderes e capitais aos intereses da poboación. Está borrando os principios occidentais que criamos asentados e o xeito de vida de hai só catro anos axiña será un afastado e confuso recordo. Pretende competir coas chamadas potencias emerxentes rebaixándonos as condicións laborais (igualando á baixa) para minguar os custes e manter as marxes de beneficio. É certo que son evidencias e que non achego nada novo, mais creo que a análise sería incompleta se non o menciono. Nunca sobra o repetir que somos plenamente conscientes do que estamos vivindo, das súas causas e das súas consecuencias. As explicacións do telexornal teñen para nós tanto valor como o que nós temos para eles. Cero.
O Estado Español foi un dos que máis descaradamente cedeu a súa soberanía ao exterior, de forma ademais pailana (produto típico) e ridícula. Cunha historia de negación, rexeitamento e agresividade
cara as identidades, pobos e linguas que sobreviven dentro del. Negándonos posibilidades aos de dentro e regalándollas aos de fóra. A renuncia a controlar a súa propia moeda foi o paso definitivo, o Tratado de Lisboa afondou e o Pacto do Euro é a descomposición práctica da autonomía real do Estado Español, que de portas a dentro trata de aplicar a mesma receita. A situación hoxe é que a aplicación das directrices da troika non garante ter satisfeitos aos amos, polo que, ante a falta de resposta, deciden seguir aplicando a menciña do pau.
Todos os puntos negros do sistema europeo reprodúcense aumentados no seo do Reino Borbónico, que achega unha manchea de defectos propios para obter como resultado este que vemos e padecemos día a día. A propia democracia, de tan baixa calidade, o sistema de liberdades e garantías públicas, a estrutura partidista e mailo seu financiamento, o descarado réxime represor, a violencia policial contra a discrepancia política, a imposibilidade de exercer hoxe unha verdadeira democracia por medio das súas vías teóricas de participación. Non é precisa unha análise a fondo cando vemos que con toda naturalidade se aplican torturas sociais (que fulminan servizos básicos) presentándoas como inevitables pero vemos como se manteñen intocables os privilexios da Casa Real (e a súa propia existencia), da Igrexa Católica, do Exército, das clases dirixentes, do empresariado, da banca, etc. Son contradicións que vemos día a día, a represión policial mesmo contra a protesta pacífica, o consentimento da fraude fiscal, as inxeccións millonarias de capital público aos banqueiros, as privatizacións... Toda a retórica político-partidista queda en evidencia. A sacrosanta Constitución do 78 é o texto máis violado e incumprido de todos cantos se nos impuxeron. Os sectores xudicial e mediático están en proceso de descomposición acelerada. Vénse todo abaixo, todo está podre.
A estrutura institucional do noso país vese igualmente afectada. A correlación de intereses e dependencias partidistas fai que os okupas de San Caetano rexeiten, como é natural neles, exercer as limitadas posibilidades do Estatuto. Esta retórica sostivo un discurso ata agora con posibilidades de enguedellarse no marco democrático español, xogando aos votos e coidando os equilibrios necesarios para as matemáticas parlamentares. O peor é que, aínda que á Xunta chegara alguén disposto a espallarse polos espazos da autonomía, estes xa foron achicados. A recentralización do Estado, aproveitando o mesmo shock do que falaba antes e mailos alentos externos, está engulindo toda marxe de autogoberno. A Ley de Estabilidad Presupuestaria liquida as competencias do Parlamentos autonómicos podendo intervir na elaboración dos orzamentos. Só con isto, o Estado das Autonomías pódese dar por liquidado.
Ante este panorama antóllase difícil seguir sostendo un discurso autonomista. Sería como teimar en gañar unha partida na que sabemos que as cartas están marcadas e o contrario ten todas as bazas. Chegados a esta conclusión, e de ser compartida, nin que dicir ten que só a opción plenamente soberanista parece representar a alternativa. Para enfiala é preciso tecer un discurso sen ambigüidades, falando claro e que se sosteña en conviccións, non por impulsos a xeito de acción-reacción. Non hai espazo para insistir en opcións fracasadas posto que todas as vías están neutralizadas, ben pola parte institucional ou ben pola forza. Neste sentido, creo que cómpre asumir xa a tarefa de, primeiro, facer ver esta situación e espallar a diagnose; e segundo, xogar á democracia formal (a dos votos) argallando alternativas electorais que asuman abertamente un discurso claro e sen calculadas ambigüidades nin expresións de laboratorio (por exemplo, “soberanismo cívico”). Isto é, presentarse ás eleccións dicindo claramente que só contemplamos a soberanía como única opción válida e aceptable para o noso país. E a seguir, sermos capaces de desenvolver unha argumentación razoada que reforce o que se defende. Nin máis, nin menos.