Solidariedade con Aminetu Haidar.
A seguir publicamos a carta aberta de Aminetu Haidar á sociedade civil o pasado día 10 de Decembro. Desde o Movemento pola Base queremos manifestar a nosa solidariedade co pobo saaraui e con esta valente activista. Do mesmo xeito animamos a toda a cidadanía a participar nas accións de solidariedade que, ao longo destes días, están programadas ao longo do noso País.
"Hoxe é 10 de Decembro, Día Internacional dos Direitos Humanos. Nestes momentos nos que se conmemora un día sagrado para a Humanidade, un día de ideais e de principios que garanten os direitos básicos; eu, que son defensora de Direitos Humanos, estou en folga de fame desde fai 25 días a causa da inxustiza e da falta de respeito aos Direitos Humanos.
Hoxe, após a miña expulsión ilegal da miña terra polas autoridades marroquinas, após ser retida ilegalmente neste aeroporto de Lanzarote polo Goberno español e de ser separada dos meus fillos contra a miña vontade, sinto máis que nunca a dor das familias saarauis separadas desde fai máis de 35 anos por un muro de mais de 2.600 quilómetros.
Hoxe, como cada día, sufro pensando nos meus compañeiros encadeados, sufro pensando nos sete activistas de Direitos Humanos que, por decisión arbitraria do Goberno marroquino, van comparecer ante un tribunal militar e son ameazados coa pena de morte. Penso tamén na populación saaraui, oprimida e reprimida diariamente pola policia marroquina no Saara Ocidental. E penso no seu futuro.
Neste Día Internacional dos Direitos Humanos felicito a todas as persoas libres que defenden os direitos elementais e se sacrifican para acadar a paz no mundo, e ao mesmo tempo lánzolles un chamamento urxente para a protección dos direitos do meu pobo, o pobo saaraui.
Hoxe é tamén un bon día para a esperanza, un día que aproveito para pedir ao mundo e especialmente ás nais, que apoien a miña reivindicación, que é o retorno ao Saara Ocidental. Desexo abrazar os meus fillos, desexo vivir con eles e coa miña nai, mais con dignidade.
Hoxe quero agradecer á sociedade a súa solidariedade e a súa defensa continua dos direitos lexítimos do pobo saaraui e tamén, a sua solidariedade comigo nestes duros momentos."
Aminetu Haidar.
Aeroporto de Lanzarote, 10 de Decembro de 2009.

