O MpB apoia a candidatura ao Congreso da CIG encabezada polo compañeiro Cartelle

IV Congreso CIG

O Movemento pola Base apoia a candidatura alternativa para o V Congreso Confederal da CIG promovida por un grupo de afiliados e afiliadas e que encabeza o compañeiro Francisco Cartelle. O MpB identifícase con esta lista por defender o pluralismo ideolóxico da central, a independencia sindical, a auto-organización, a descentralización e o sindicalismo combativo e non pactista.

A candidatura é plural pois conta coa participación, alén de compañeiros e compañeiras do MpB, de afiliados e afiliadas da CIG pertencentes a outras sensibilidades do soberanismo e organizadas noutras formacións políticas.

O MpB felicítase por esta iniciativa por resultar imprescindíbel para garantir a independencia sindical, seriamente ameazada pola maioría sindical, nomeadamente no período do bipartito. O paso do BNG polo Goberno da Xunta desvelou que, nalgúns integrantes da Executiva Confederal da CIG, primou máis a defensa dos intereses da organización política á cal pertencen que os da propia Central Sindical.

O Movemento pola Base coincide plenamente con outros postulados expresados polos promotores da candidatura, como a salvagarda do pluralismo ideolóxico no seo do sindicato, do debate e da liberdade de expresión sen temor a sufrir represalias. En consonancia con isto, cómpre desterrar dunha vez por todas o sectarismo fomentado pola mal chamada Maioría Sindical.

O MpB coida que esta candidatura debe servir para fortalecer o carácter combativo, participativo e non pactista da CIG, oposto diametralmente ao Pacto Social en calquera das súas manifestacións.

Avogamos, tamén, pola descentralización do sindicato e por frear as tentativas das cúpulas nacionais da CIG de arrogarse un poder absoluto. Ademais, cómpre impulsar a auto-organización dos sectores que fan parte da CIG: A mocidade e as mulleres.

O Movemento pola Base, por último, comparte o punto de vista crítico manifestado polos impulsores da candidatura a respecto da formación profesional na CIG. Esta actividade non se pode converter nunha ferramenta de contrapoder sindical. Non pode ser un “mercadeo” en función de intereses de correntes internas. A fundación FORGA debe supeditarse ao control político-sindical das Comarcas e Federacións.