A Corrente Sindical pola Base celebrou un encontro con delegados da CIG en Ferrol
O pasado 26 de maio ás 10:30 tiña lugar na Aula da Cultura do Concello de Fene o encontro ao que se convidaron os delegados da central nacionalista de toda a comarca.
Interviñeron por parte da nova corrente sindical Alexandre Romero Maseda, Secretario Comarcal da Federación Galega de Alimentación, Mar e Transporte de Ferrol; Cristina Martínez Padín, da Executiva Nacional da Federación de Servizos, e Francisco Xavier Cartelle Pérez, membro da Executiva Confederal, que fixeron unha análise da situación económica e política, ademais de abordar a reforma laboral e os recortes nos servizos de protección social.
A Corrente Sindical pola Base aproveitou tamén para falar das súas propostas de acción dentro da CIG, seguindo coa liña de traballo sindical das persoas que a conforman, que xiran ao redor de catro eixes: a reforma organizativa; as propostas mobilizadoras diante da situación actual, entre as que insiste especialmente na necesidade dunha folga xeral nacional; propostas económicas e propostas de acción social, que se amosan cada vez máis obrigadas no actual contexto.