1º de maio, combater o sistema pola base

 

Este 1º de maio, día do internacionalismo proletario, vén marcado por unha crítica situación para a Clase Traballadora. No estado español e mais na Galiza, a ultradereita política e económica atópase en plena ofensiva contra os nosos dereitos laborais, sociais e mesmo contra das nosas liberdades.
O sistema político e económico no que vivimos amosa a súa verdadeira cara. É un sistema fraudulento, onde os valores como a democracia, liberdade, xustiza, igualdade son pura retórica, son unha auténtica fraude, un engano.
A modificación da “Constitución Española” consagrou na Lei a absoluta prioridade de destinar os ingresos do estado ao pagamento da débeda, por diante do mantemento dos servizos sociais básicos ou de calquera outra cuestión. Este feito deixou en evidencia o servilismo dos gobernantes dos estados que converten a estes, de feito, en reféns dos bancos e das grandes empresas transnacionais. Pódese considerar un estado social aquel que antepón os intereses das grandes empresas e da banca ao deber de cubrir as necesidades básicas dos seus cidadáns?
O goberno reaccionario do PP, nada máis chegar ao goberno, comezou a pór en marcha medidas que nin eran contempladas no seu programa electoral e mesmo foron negadas de continuo polos que pretendían tomar o poder a calquera prezo.  Así  cansaron  de  afirmar entre outras cousas que non ía haber suba de impostos nin recorte ningún do poder adquisitivo dos pensionistas, dos nosos maiores, dos máis indefensos.Entón pódese considerar lexítimo un goberno que chega ao poder con enganos, mentiras, falsas promesas e sendo consciente de que vai facer todo o contrario ao que predica?
O Goberno do PP no estado e na Galiza está a empregar o medo, a desinformación e a mentira da “crise económica” como escusa para impor políticas ultraliberais e de corte fascista. De xeito ben claro o que se pretende é que os que máis teñen teñan aínda máis e os que menos temos teñamos aínda menos. Trátase de roubar recursos do estado, e de cada un de nós, para darllos á banca, ás grandes empresas transnacionais. Estas medidas que está a impor o goberno fraudulento do PP provocan a desigualdade e a inxustiza e condenan a grande parte da sociedade á exclusión social.
Quérennos condenar á maioría da sociedade a que non teñamos, nin nós nin os nosos fillos e fillas, acceso a un ensino público e de calidade. Quérennos arrebatar o dereito á saúde, pois tentan impedirnos o acceso á sanidade: médicos, medicamentos, próteses, etc. Quérennos desafiuzar das vivendas, mentres centos de milleiros de inmobles, construídos polos especuladores do ladrillo con financiamento do bancos, seguen baleiros. Quérennos recortar as prestacións sanitarias e por desemprego, precisamente nun momento con cifras récord de desempregados/as... Hai entón quen poida afirmar que este sistema coñece o significado das palabras igualdade e xustiza social?
A ofensiva ideolóxica da extrema dereita que representa o PP ataca sen rubor tamén outros valores fundamentais como son a xustiza ou as liberdades, entre elas a de Folga que se pretende limitar coa modificación do código penal. Pódese considerar un estado de dereito aquel no que vai ter acceso á xustiza só quen a poida pagar? Aquel no que un é condenado ou non en función da familia á que pertenza ou do status social que posúa? Ou aquel no que é condenado quen tente defender os seus dereitos fundamentais como o de Folga?
Este sistema só favorece os ricos e poderosos, empobrécenos como Clase e néganos aos galegos e ás galegas o dereito a dispor dos nosos recursos naturais e ao uso e gozo da nosa cultura e sinais de identidade. Por iso, neste 1º de Maio, cómpre que os traballadores e traballadoras de Galiza nos comprometamos máis firmemente que nunca a combatelo desde a base.
É tamén máis necesaria que nunca a auto organización da nosa Clase, sen fendas, deixando de lado diferenzas, moitas veces superfluas nestes momentos. Son tempos de loita, son tempos de unidade, son tempos de combate e de construción de mecanismos de defensa de Clase que sexan o xermolo dun mundo mellor, dun sistema onde a maioría social da Nación Galega se goberne para os seus propios intereses.
Manteñamos hoxe vixente o expresado na letra da Internacional, porque outro sistema non só é posíbel, senón que é cada día máis preciso. Construámolo xuntos pola base.
 
Viva o Internacionalismo Proletario!!!
Viva Galiza Ceibe e Socialista!!!!
En pé as escravas/os da Terra!!