O MpB súma-se á convocatória de Folga Xeral Nacional do 29 de marzo
O Movemento pola Base, MpB-Gz, diante da reforma laboral nomeada como Real Decreto de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral do dia 12 de febreiro do 2012, entende que a convocatória de Folga Xeral Nacional feita pola CIG o pasado 7 de febreiro do 2012 xunto coas mobilizacións é o único camiño. O MpB-Gz fai un chamado á mobilización contra a política de emprego tanto da Xunta de Galiza como do Goberno do Estado, chamado que entende ten que ser arroupar estas iniciativas e sumar-se á convocatória de Folga Xeral Nacional do 29 de marzo.
Galiza ten-se que defender, temos que agir por un emprego digno, condicións sociais e laborais xustas neste tempo no que o empobrecimento da nosa xente é palpábel.
A actitude sicária das centrais sindicais CCOO e UGT evidéncia o seu afastamento das vindicacións de clase obreira, estas duas centrais son cúmplices da flexibilización e o abaratamento do mercado laboral.. Antes co Psoe en Madrid, agora co PP, e sempre co PP da Xunta de Galiza.
É tempo que a clase traballadora galega novamente rache as imposicións da Administración Galega e do Goberno do Estado.
É hora de responder de xeito contundente as reformas e nomeadamente da recente Lei de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral. Todas e Todos debemos participar activamente nas mobilizacións para impedir as medidas acordadas.
O Movemento pola Base súma-se á convocatória de Folga Xeral Nacional fixada pola CIG para 0 29 de marzo. Entendemos que é obriga e responsabilidade política non só aderir-se senón que animar a todas as traballadoras e traballadores a sumar-se e convidar ás organizacións da esquerda soberanista e nacionalista a aderir-se.
Temos que paralisar o empobrecimento da nosa sociedade, a desigualdades sociais crecentes e a exclusión social, a destrución de emprego.
Por que é de xustiza e de dignidade acudamos a todas as mobilizacións convocadas e apostemos fortemente pola Folga Xeral Nacional, non como obxetivo político senón como ferramenta capaz de facer-nos escoitar-
Pola Soberania Nacional, polos dereitos da Clase Traballadora Galega, Folga Xeral Nacional 29 de marzo do 2012.
Na terra, a 12 de febreiro do 2012
MpB-Gz
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| folgaxeral2.jpg | 63.08 KB |