O MpB manifesta: Defender á Clase Traballadora Galega, Non é Delito
O Movemento pola Base, MpB-Gz participará e anima á participación nas concentracións solidarias coincidindo cos xuízos contra dous compañeiros da Federación de Servizos o vindeiro 18 de Xaneiro de 2012.
Os actos de apóio terán lugar o vindeiro mércores 18 de xaneiro diante dos xulgados da Coruña e Pontevedra unha hora antes do inicio das sesións, fixadas para as 11.00 e 12.00 horas respectivamente. As concentracións entran dentro dunha Campaña extensa coa lexenda “Defendérmonos como clase é un direito, non un delito” coa que se pretende denunciar a represión policial e xudicial que sofren moitos e moitas militantes pola súa actividade sindical.
Os xuízos contra estes dous compañeiros xa motivaron mostras de solidariedade en ocasións anteriores, como unha recente concentración fronte á Delegación do Goberno español na Coruña. O Compañeiro Paulo Rubido, explicaba ese día que o obxectivo da protesta era denunciar “a política que está a levar a cabo, fundamentalmente, a Delegación e as Subdelegacións do Goberno español de criminalizar a acción sindical que desenvolve a CIG. Para iso, recórre-se a “unha política sistemática de multas, sancións administrativas, etc, que conlevan un custo económico moi importante para a central sindical e para os traballadores e as traballadoras afectados/as”.
A maiores tamén se pretendía amosar o rexeitamento da central nacionalista á solicitude de penas de prisión para dous compañeiros, Adolfo Naya, Secretario de Organización da CIG-Servizos, e Marcos Cardóniga, membro da executiva comarcal da federación en Pontevedra, pola súa participación na folga de instalacións deportivas, no primeiro caso, e na folga do comercio de alimentación e a folga xeral do 29 de setembro, no caso de Cardóniga
.
Multas e prisión
O Ministério Fiscal pide para o Compañeiro Adolfo Naya unha pena de catro anos de prisión por un “delito contra o dereito dos traballadores”, por ter participado na folga de instalacións deportivas desenvolvida entre os anos 2009 e 2010 e unha multa de 3.800 euros de multa.
Pola súa banda, o Compañeiro Marcos Cardóniga recebeu comunicación de apertura de xuízo oral e píde-se-lle unha multa de 20 meses, a razón de 10 euros ao día (6.000 €) ou 10 meses de prisión, pola súa participación na folga xeral do 29 de setembro. Alén diso, ten aberta outra causa penal na que lle solicitan de 6 meses a 3 anos de cárcere e unha multa de 7.200 euros por ter participado nos piquetes da folga do comercio de alimentación das provincias de Pontevedra e A Coruña, acontecida o 27 de novembro de 2009.
Dende a CIG-Servizos denuncian ademais que no ano 2010 as diferentes Subdelegacións do Goberno español impuxéron-lles sancións administrativas a 70 militantes que superan os 40.000 euros.