Manife Nacional Non á Reforma da Constitución Española, Galiza pola Autodeterminación

 

O Movemento pola Base fai un chamado á participación da Manife Nacional do 24 de setembro ás 18.ooh en Compostela, e apoia o Manifesto NON Á REFORMA DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA GALIZA POLA AUTODETERMINACIÓN

 

As persoas e colectivos asinantes deste manifesto rexeitamos a farsa orquestrada polos grandes partidos españois para reformar un artigo da ate o de agora intocábel Constitución Española de 1978 co único fin de blindar constitucionalmente a doutrina económica neoliberal.

 

Resulta intolerábel observar como a reforma do marco xurídico-político, fechada desde hai trinta anos para os dereitos e libertades dos pobos, ábre-se e resólve-se en apenas uns días cando así é esixido polos poderes fácticos. Esta é a proba palpábel do carácter antidemocrático do Estado español, esta é a demostración de que a soberanía real reside en organismos como o Fundo Monetário Internacional ou nos consellos das grandes corporacións transnacionais.

 

Esta reforma é un ataque directo contra os direitos sociais máis elementais, unha blindaxe xurídica para dar cobertura ao desmantelamento dos últimos restos do chamado Estado do Benestar, un golpe máis na estratéxia das oligarquias contra da maioria social co fin de refundar o seu capitalismo a costa das nosas vidas.

 

Para nós, para o Pobo Galego, esta reforma ven poñer no centro do debate a imperiosa necesidade de exercermos o direito de autodeterminación e conquerir para Galiza a soberania nacional plena como garantia para definirmos un marco xurídico-político e unha estrutura económica acorde coas necesidades da maioria social.

 

A superación do marco xurídico-político actual, representado na Constitución e no Estatuto de Autonomia, constitue unha necesidade imperiosa e ten de ser elevado a reivindicación de primeira orde para o movimento político e social galego. Eis a nosa alternativa face a reformulación do Estado.

 

Diante desta situación, é imprescindíbel articularmos unha resposta como Pobo, un frente común de todos os colectivos e persoas, do conxunto dos movimentos políticos e sociais deste País que acreditamos na defensa da nosa soberania nacional e nun modelo económico e social máis xusto e equitativo. Reivindicarmos como suxeito político que somos o exercizo dos direitos que nos son inerentes e a vontade de exerce-los para reverter a situación actual.

 

Os promotores e as promotoras deste manifesto facemos pois un chamamento ao conxunto do Pobo Galego á mobilización e a acudir á manifestación nacional convocada para o 24 de setembro na Alameda de Compostela baixo os seguintes eixes:

 

  1. Rexeitamos a elevación do neoliberalismo a rango de doutrina constitucional e denunciamos o carácter antisocial e antipopular desta medida, que ten como único fin o de alongar aínda máis o catálogo de abusos e perda de dereitos para a maioría social.

  2. Esiximos o exercicio libre e directo do dereito de autodeterminación para Galiza.

  3. Reivindicamos a soberanía nacional da Galiza como medio para poder dispoñermos dos nosos recursos e orientar o modelo económico e social conforme aos intereses da maioría social. O Pobo Traballador Galego precisa tomar nas súas mans o seu proprio destino

  4. Pulamos pola superación do actual marco xurídico-político, representado pola CE e o Estatuto de Autonomia, para avanzarmos cara un marco verdadeiramente democrático e popular.

 

 

 

 

Galiza, 16 de setembro de 2011.