O MpB chama a participar na preparación do Dia da Pátria 2011

O Movemento pola Base, MpB-Gz, chama a participar na preparación do Dia da Pátria 2011, Campaña desenvolvida por Causa Galiza

 

Trátase da quinta ocasión consecutiva en que a Iniciativa Popular pola Autodeterminación chamará os e as soberanistas e independentistas galegos a se mobilizaren en reivindicación da soberanía política em 25 de Xullo. Neste sábado inicianse os traballos coa celebración da Comisión Técnica que elaborará a proposta político-organizativa do Día da Patria 2011. O Plenario Nacional previsto para o próximo día 11 será quen valide ou, no seu caso, corrixa ou reprobe esta proposta global. 

 

Neste Día da Patria 2011, a Causa Galiza porá a punto as suas enerxías para lanzar unha forte campaña política dirixida ao conxunto da cidadanía, destacando a urxencia que o Povo Galego ten neste momento histórico de ver recoñecido, e exercitado, sen límites nen imposicións, o dereito á libre determinación. A iniciativa política a desenvolver nestas semanas culminarase com a manifestación nacional a celebrar en Compostela no próximo 25 de Xullo, que agardamos consolide a curva ascendente de edicións anteriores e visibilize o momento de avanzo e fortalecimento que encara o movemento soberanista. 

 

Soberanismo galego avanza 

 

Chegamos ás portas do Día da Patria nun clima de ilusión e expetativas. Neste curso político, o soberanismo galego fixo os deberes a varios niveis. Por unha parte, avanzou na acumulación de forzas a través do Acordo Democrático Nacional. Este instrumento de mobilización e clarificación política ten hoxe a adesión de 12 organizacións: FPG, EI, MpB, PCPG, Coletivo Nacionalista de Marim, AMI, Adiante, CUT, Redes Escarlata, Ceivar, Frente Obreira Galega e Siareir@s Galeg@s. Coa perspectiva do Día da Patria traballamos para alargar estas adesións a asociacións e colectivos locais e comarcais.  

 

Por outra parte, os excelentes resultados alcanzados en 22-M polas candidaturas soberanistas e de esquerdas, rachando a barreira simbólica dos 5000 votos e acadando resultados históricos, evidencian a existencia dun espazo socio-político diferenciado e o momento de auxe do soberanismo. De feito, o inicio da liña de traballo municipal reforzou as expectativas políticas da aposta soberanista, á vez que abriu un escenario a catro anos que evidencia un espazo para continuar avanzando na penetración social do soberanismo e a desputa estratéxica do liderado sobre o campo nacionalista. 

 

Por as bases do novo ciclo que precisa o nacionalismo galego 

 

A Causa Galiza chama @s soberanistas e independentistas galeg@s a defenderen sen complexos nin adiamentos a única opción estratéxica que asegura un futuro galego e a posibilidade de mudarmos o brutal modelo socio-económico actual: o exercicio pleno do dereito de autodeterminación e a conquista da soberanía política. Entendemos que existen condicións obxectivas e subxectivas para seguir afondando na acumulación de forzas sociais e políticas nesta dirección e apelamos a traducir en forza de mobilización os últimos doce meses de traballo social e político soberanista.

 

Por último, achamos que se debe aprofundar na necesaria confrontación dialéctica e decantación de estratexias de País que hoxe conviven no campo nacionalista: a estatutista, de simple xestión do marco xurídico-político español, e a soberanista e independentista, que denuncia aquel coa perspectiva da súa superación e a articulación dun marco realmente democrático. Neste sentido, alviscamos síntomas evidentes de esgotamento e falta de percorrido da proposta estatutista e centrista, á vez que da necesidade de iniciarmos un novo ciclo político que resitue o campo nacionalista sobre a reivindicación da soberanía e a autodeterminación como elementos fulcrais da sua actividade.