O Foro Galego de Imigración rexeita a reforma das pensións e súma-se á Folga Xeral Nacional do 27X
O Foro Galego de Inmigración vén de emitir un comunicado público no que amosa o seu rexeitamento á reforma do sistema de pensións e chama a participar na folga xeral convocada en Galiza para o vindeiro 27 de Xaneiro.
Esta plataforma, na que converxen persoas e colectivos comprometidos na defensa dos dereitos das persoas inmigrantes, expresa a sua oposición a unha diminución da cobertura do sistema público de pensións, así como ao aumento da idade de xubilación. Considera que o debate sobre unha hipotética inviabilidade do sistema, agocha as necesidades da grande banca na mudanza cara un modelo de pensións por capitalización individual, cunha asisténcia pública mínima.
O Foro Galego de Inmigración advirte, ademais, que estas medidas nunha poboación como a galega, con salários e pensións dos máis baixos do Estado, terán unha especial incidéncia sobre as clases máis vulnerábeis entre as cales se situa o próprio colectivo migrante. Respecto a este, o Foro subliña a contradición que emerxe nun estado que precisa máis cotizacións á Seguridade Social en tanto establece réximes especiais para as empregadas do fogar e mantén máis do 20% do seu PIB na economia somerxida.
O Foro entende que a reforma das pensións é un chanzo máis dentro dos planos de axuste neoliberais e asume como unha prioridade, ante este contexto, a suma de forzas e a xeración de dinámicas de mobilización na sociedade. Por iso, sumará-se activamente á Folga Xeral do 27 de Xaneiro e comprometerá-se a dar continuidade ao traballo de implicación do colectivo inmigrante na crítica do presente sócio-económico.
Santiago de Compostela, 17 de Xaneiro de 2011