O Movemento pola Base apoia o Manifesto “NINGUÉN SOBRA NUNHA CRISE!” do Foro Galego de Imigración

A palabra migración, que foi desde a orixe da humanidade sinónimo da sua própria história, chora hoxe a sua corrupción ate o loito, por todas as inxustizas acontecidas nun mundo no que o neocolonialismo usufrutua con avidez os recursos de moitos pobos, entanto castiga cunha inxustiza que se contradi coas suas próprias leis aos que chegan fuxindo da realidade na que transformaran os seus lugares de orixe.

 

As persoas migrantes vémo-nos obrigadas a ofrecernos como man de obra barata e desprotexida, moitas veces considerada ilegal, unicamente polo feito de termos nacido nun território concreto dun mundo en cuxas fronteiras os países ricos abren portas coa forza da súa economia ou das suas armas.

 

As notícias globais sobre os atentados contra as poboacións de moitos lugares do mundo, dos que se desprenden benefícios para os estados máis enriquecidos, asi como a persecución aos migrantes son feitos cada dia máis preocupantes.

 

Nunha recente entrevista concedida ao diário Público.es, o escritor uruguaio Eduardo Galeano recordaba que o racismo “produce amnésia. Porque todos somos africanos emigrados”. Denunciamos que esta amnésia está a ser a auténtica pandémia que sofre unha parte da sociedade, que as medidas de prevención aplicadas á Gripe A deberían transladar-se a este cancro de inxustiza que ataca á humanidade e á sua casa, a Terra.

 

Non debemos permitir un só espirro que contaxie doenzas tan graves como as acontecidas no último ano, como a expulsión de cidadás/áns de orixe romena e búlgara, maioritariamente pertencentes à secularmente maltratada etnia xitana; a “Lei Arizona”, que veu lexitimar a discriminación e o controle policíaco da imigración nos Estados Unidos; o masacre de 72 migrantes en Tamaulipas, México; ou a aplicación de políticas xenófobas e do constante recorte de direitos que veñen poñendo en marcha diferentes países da Unión Europea.

 

A crise económica está a empeorar as condicións de vida de toda a poboación e, en particular, das persoas imigrantes: os seus contratos son cada vez máis precários ou inexistentes; as posibilidades de regularización, máis remotas; os direitos de reagrupamento familiar, menos contemplados e, en liñas xerais, as persoas, máis discriminadas e desprotexidas.

 

Ademais do paro; das dificuldades económicas, do temor a rematar a prestación de desemprego, do medo ao desaloxo polo impago da hipoteca ou a non chegar a fin de mes, as persoas imigrantes debemos enfrontar o desasosego de atopar un control policial á volta da esquina, a incerteza dunha deportación exprés, a humillación de identificar-se a calquera hora e lugar simplesmente por ter unha cor de pel diferente.

 

A criminalización e persecución das persoas migrantes indocumentadas inoculan o medo e a fractura social entre conveciñas/os e entorpecen a convivéncia entre as persoas que habitamos un mesmo território, obstaculizando as posibilidades reais de que nos acomodemos e nos sintamos cidadás de pleno direito desta sociedade que escollemos para desenvolver o noso proxecto de vida.

 

Ante todos estes síntomas, que xorden cada minuto no mundo, propoñemos vacinar-nos contra os discursos demagóxicos que alertan sobre o carácter delincuencial e ameazante da imigración, cuxo único propósito é desviar a atención dos auténticos responsábeis da crise económica, social e ambiental que estamos a viver, ao tempo en que espertan sentimentos de competéncia e desconfianza entre a poboación, deixando espazo para o rebrote de actitudes e comportamentos racistas que criámos soterrados. .

 

Neste dia 18 de Decembro, no que recordamos que as migracións forman parte do substrato de todos os pobos do mundo, antes que celebrar, tóca-nos lanzar un berro de repulsa e esixir o peche dos centros de internamento e detención de estranxeiras/os, a supresión das crecentes redadas, identificacións e deportacións de centos de milleiros de migrantes en países de tránsito e de destino, e o derrubamento dunha Lei de Estranxeiria que propícia e lexitima a desigualdade e a segregación social.

 

Toca denunciar os recortes sociais, a privatización dos servizos públicos, a reforma laboral e no sistema de pensións, en definitiva, todo o conxunto de medidas neoliberais que veñen facendo con que a vida da poboación en xeral -incluídas as persoas migrantes- se vexa sometida a unhas doses cada vez maiores de precariedade, illamento e control por parte duns poderes públicos submisos aos intereses dos mais ricos e poderosos.

Proclamamos que en tempos de crise o único tratamento que pode debelar a pandémia de inxustiza, discriminación e violencia a que estamos expostas, é sumando, xentes de aqui e de acola, todos os nosos esforzos, vontades e saberes, redescubrindo o potencial do colectivo e reatando os lazos de solidariedade e cooperación social capaces de poñer en marcha o proceso de transformación social necesário para conquistar a vida digna a que todas e todos temos direito.

Manifesto “NINGUÉN SOBRA NUNHA CRISE!”

http://forogi.wordpress.com/