Causa Galiza aposta por recuperar a tradición de luita na defensa do direito de autodeterminación
Causa Galiza prepara un plano de traballo para os vindeiros meses no que salienta a alternativa da autodeterminación como única solución para o desenvolvimento socio-económico de Galiza, fronte a insuficiéncia do marco constitucional español. Esta campaña lánza-se nun momento no que as forzas parlamentárias están a publicitar a sua intención de reabrir o debate sobre a reforma do Estatuto de Autonomia.
A entidade Causa Galiza apresentou este mediodia en rolda de prensa o proceso de reforzamento desta iniciativa que contará cun chamado á participación asemblearia das súas bases co Plenario Nacional do vindeiro 25 de setembro como data central. Nesta fase, dase releváncia a estabelecer unha organización territorial que permita poñer á orde do dia a reivindicación do direito de autodeterminación en todas as comarcas do País.
Segundo Olalha Barro e Leonardo F. Campos, que apresentaron o plano de traballo, a sentenza do Tribunal Constitucional sobre a reforma do Estatut de Autonomía de Catalunya veu explicitar os límites que o Estado Español marca para un suposto aprofundamento do autogoberno a través do marco xurídico-político vixente.
Para Causa Galiza, a superación deste marco segue a pasar pola acumulación de forzas na sociedade galega arredor da reivindicación autodeterminista co obxectivo real do recoñecimento deste direito para Galiza. Leo F. Campos salientou nesta liña a intención “recuperar, co apóio e a forza da sociedade civil e da cidadania galega, a tradición de luita contra a via estatutária dos anos 70”.
Na convocatória aos médios que tivo lugar diante do Museo do Pobo Galego, a iniciativa Causa Galiza anunciou a sua actividade axitativa de cara a folga xeral convocada polos sindicatos nacionais CIG e CUT para o vindeiro 29 de setembro. A labor que desenvolverá a entidade soberanista nesta mobilización será a de explicitar que sen a capacidade de decisión do pobo galego nas cuestións económicas a clase traballadora está presa de decisións que se toman desde Madrid ou Bruxelas. En palabras de Olalha Barro, “emigración, desemprego, precarización dos servizos públicos e destrución do território son as consecuéncias dun modelo superado, o da via estatutária”. Causa Galiza desenvolverá nas semanas prévias á folga unha série de palestras en varias localidades galegas coa participación de representantes do sindicalismo galego como parte do traballo mobilizador. Igualmente, a iniciativa prepara a edición dun documento de preguntas frecuentes sobre a relación entre autodeterminación e o mundo do traballo.
Editado em www.causagaliza.org