Manifesto do Dia da Pátria do 2o1o

Manifesto lido na Praza do Toural de Compostela ao remate da manifestación do Dia da Pátria de 2o1o convocada por Causa Galiza:

 

Amigas e amigos,

 

Compañeiras e compañeiros chegados de todos os recunchos, aldeas, vilas, bárrios e cidades da nosa Nación e do exterior, delegacións internacionais que nos acompañades:

 

Celebramos hoxe unha xornada marcada pol@s nos@s mestres e devanceir@s como o dia de celebración do que fomos, somos e aspiramos a SER: plen@s, libres, soberan@s... Diante de nós están acompañándo-nos as cabezas rebeldes e ilustradas dos que negaron a nosa morte como Pobo: os mártires de Carral provincialistas, os membros das Irmandades da Fala, os loitadores e loitadoras antifascistas e galeguistas das primeiras décadas do século XX, as e os combatentes antifascistas na longa noite de pedra, veteran@s loitador@s dos anos de chumbo da transición. O voso espírito e corpo está presente en vivo nesta praza en vós e e en quen aqui e agora reclama o voso facho de esperanza e liberdade deica o obxectivo final; a constitución do noso próprio estado. Unha república galega.

 

Na presente situación tais reivindicacións están máis presentes do que nunca: a crise comezada nos últimos anos está derivando nun apoxeo da precariedade. Nun brutal festín onde o capital e os bancos saltan coma hienas esfameadas berrando que todo vale, neste cambalache noxento e embrutecido. Nen vergoña senten os responsábeis de que inxentes sectores do noso pobo traballador estean sumidos no arrepiante seo da precariedade; no empobrecemento estrutural.

 

España e a Unión Europea teñen neste intre un magnífico aliado para lle dar continuidade ao seu proxecto de turistificación e espolio dos nosos recursos estruturais e man de obra barata como futuro d@s moz@s deste País. Ese magnífico aliado é a mediocre e doce administración encabezada por Alberto Núñez Feijóo: o continuador máis consecuente de todas as administracións da etapa autonómica. E diante desta realidade, non agardemos atopar nunha ou noutra administración autonómica as nosas solucións, as solucións do noso pobo. A solución do noso pobo reside en facerse soberano do seu propio destino liberándose día a día das cadeas que o asoballa. Conquistar para Galiza o dereito de autodeterminación é conquistarmos a ferramenta que nos permitirá, alén de decidirmos sobre o que é noso, contruír no noso País o modelo socioeconómico que a maioría social precisa, e que endexamais podería ser proposto no marco da dependencia colonial á que España nos somete.

 

A situación como vemos non é doada, mais hai trazas para a esperanza: o campo social está inzado de esperanzadoras novas que se desenvolven polo País. Novas xeracións de activistas sociais recollendo o mellor das anteriores xeracións van mans á obra con entusiasmo en diferentes proxectos políticos, sociais, económicos, culturais... A iniciativa popular Causa Galiza veu desenvolvendo un humilde mais contante traballo de socialización do dereito de autodeterminación, a través de publicacións, campañas, actividades, actos políticos e expansión organizativa, que nos permiten ollar ao futuro con esperanza.

 

Causa Galiza continúa hoxe a defender a convocatoria dunha Folga Xeral Nacional. Neste punto, a socialización desta necesidade é un feito. As mobilizacións convocadas e as chamadas das centrais sindicais nesta dirección ábrenlle as portas a unha resposta da maioría social ás decisións tomadas polos lacaios do Capital.

 

Con este panorama, queda compañeiros moito camiño por diante... camiño longo tortuoso e duro. Mais o noso deber é o de avanzar, avanzar con responsabilidade cara un futuro soberano. Un futuro que hai que forxar coas ferramentas sólidas que estamos construindo e construimos, que estamos a consolidar e consolidamos, ferramentas sociais, sectoriais políticas que percuren a cohesión e a cumplicidade dos pequenos, mais definitivos pasos cara a un futuro duro mais esperanzados.Dende a esquerda e no corazón do noso Pobo máis esplotado avanzaremos con tod@s vós.

 

 

Compañeir@s, mans á obra!

Viva Galiza Ceibe!

Viva Causa Galiza!