DÍA DA PATRIA Causa Galiza eríxese nunha vía sólida cara á autodeterminación, por R. Fernández

 

A plataforma consolídase como unha alternativa política seria tras lograr, na sua cuarta convocatoria, aglutinar a maioría dos grupos soberanistas e mobilizar centos de galegos nas ruas compostelás

//

 
 

O movemento soberanista galego conta cunha vía política seria e estable para lograr o seu fin último: o dereito á autodeterminación para o noso país. Esta foi a realidade constatada onte na manifestación convocada en Compostela pola plataforma Causa Galiza para celebrar o Día da Patria, que no seu cuarto ano conseguiu aglutinar a maioría dos grupos soberanistas e mobilizar centos de galegos -tres mil segundo a organización- nas rúas compostelás. A Praza do Toural foi, un ano máis, o escenario elixido para reclamar a constitución dun estado propio -"unha república galega"- e deixar claro que a única vía para logralo é conquistando o dereito á autodeterminación. "Non agardemos atopar nunha ou noutra administración autonómica as nosas solucións. A solución do noso pobo reside en facerse soberano do seu propio destino, liberándose día a día das cadeas que o asoballa", esgrimiu Pedro Alonso, membro da portavocía de Causa Galiza e encargado de ler o manifesto da plataforma.

 

Cunha bandeira galega abrindo a marcha, a manifestación de Causa Galiza arrancaba pasadas as 13.30 horas da Alameda compostelá baixo o lema Para enfrontarmos o capital, aquí e agora soberanía nacional. Superada a xa clásica división de hai anos, membros e simpatizantes dos grupos soberanistas de Galicia botáronse á rúa nunha marcha festiva cunha reivindicación clara: Independencia. A pesar do amplo dispositivo policial despregado ó longo de todo o traxecto -que multiplicaba por tres ó que acompañou á marcha do BNG-, a manifestación discorreu tranquila e salpicada de cánticos propios deste día como Estatuto non, autodeterminación ou Galiza ceibe, poder popular. Toda unha demostración de que os disturbios e enfrontamentos que caracterizaban os actos independentistas hai anos forman parte do pasado e que Causa Galiza é unha proposta política seria que evidencia a forza crecente da defensa do dereito da cidadanía galega a decidir o seu propio futuro. A "normalización" das súas reivindicacións tamén quedaron constatadas durante o acto final no Toural, que estivo conducido polo cantautor punk Leonardo F. Campos (O Leo), que xa se prestara a facer de voceiro na presentación dos actos do 25 de xullo por ser "a primeira vez que me sinto identificado e ilusionado cunha iniciativa". E así o evidenciou onte nun Toural case repleto: "Calquera que se pare a pensar un minuto no que pasa no país ou é da nosa idea ou abraza a hipocrisía", bramou o artista que, tras a lectura dos apoios das organizacións internacionais, deu paso á actuación do dúo musical Mini e Mero.

 

Críticas contra o capitalismo e a Administración Feijóo

No eido reivindicativo, Pedro Alonso destacou o papel do dereito de autodeterminación para solucionar os problemas socioeconómicos do país, ó tempo que arremeteu contra "o brutal festín" do capital e contra a Administración presidida por Núñez Feijóo, a quen definiu como "o continuador máis consecuente de todas as administracións da etapa autonómica". Neste contexto, o voceiro de Causa Galiza chamou a conquistar a soberanía galega para "construír o modelo socioeconómico que a maioría social precisa, e que endexamais podería ser proposto no marco da dependencia colonial á que España nos somete". Unha idea retomada por Charo Lopes, tamén integrante da portavocía de Causa Galiza, quen lanzou unha arenga advertindo dos recortes de dereitos por parte do Estado. "A nós non nos vale a legalidade do Estado, válenos a lexitimidade do pobo", asegurou Lopes antes de que o Himno galego pechase o acto soberanista polo Día da Patria.

O DATO

 

Romaría popular no parque de Belvís

 

Ao remate da manifestación, Causa Galiza realizou a súa xa tradicional romaría popular no parque de Belvís, onde se desenvolveu un amplo programa no que se combinaron os actos reivindicativos cos festivos. Ademais dos debates políticos sobre os movementos autodeterministas no Estado, a relación da crise coa reivindicación soberanista ou a situación da lingua galega, Belvís acolleu a presentación de varios libros, competicións de billarda e fútbol e actividades para os máis pequenos. E tras unha longa xornada, a noite reservouse para a festa: a partir das 21.00 horas, Belvís acolleu un concerto no que participaron Projecto ["trepja], Labregos no tempo dos Sputniks e Fracasados de antemano.

AS CLAVES

 

Recortes coa crise como escusa

 

"Están a refundar o capitalismo á conta das nosas vidas". Con esta frase rotunda, Charo Lopes denunciou os recortes realizados coa "escusa" da crise económica, ós que engadiu as numerosas agresións "á lingua, ó medio natural, á muller e ós sectores produtivos do país" ós que as Administracións someten cada día os cidadáns galegos.

 

Chamamento á folga xeral

 

Causa Galiza volveu facer un chamamento a participar na folga xeral nacional, ó tempo que se comprometeu a seguir loitando para "redignificar o noso papel como pobo". "A autoderminación é democracia. A nazón é soberanía. A xustiza é igualdade. E Galiza ou será ceibe ou non será", clamou Lopes para finalizar o acto.

 

Editado en http://www.galiciahoxe.com/