Persoeiros da sociedade galega chaman a manifestar-se con Causa Galiza pola autodeterminación e contra o capital
Causa Galiza avanzou esta mañá os actos para o 25 de Xullo, que se convocan baixo o lema Para enfrentarmos o capital, aqui e agora soberania nacional.
A organización afianza neste cuarto ano o programa, encabezado pola marcha unitária que vai sair ás 13:00 da Alameda de Compostela, e que por primeira vez vai incluír tamén un concerto. Ademais, a iniciativa presentou un manifesto de apoio, asinado por numerosos persoeiros da sociedade, a cultura e o mundo sindical galego.
Este manifesto foi xa apoiado por máis de sesenta sinaturas da sociedade, da cultura e, especialmente, do mundo sindical galego chaman a participar dos actos convocados pola iniciativa soberanista. E anima a asina-lo aquelas persoas que estean a prol da soberania nacional (1).
Leonardo F. Campos (O Leo), un dos asinantes do documento, deu leitura o manifesto no que se afirma que “a superación do marco xurídico-político español, baseado fundamentalmente na Constitución Española e no Estatuto de Autonomia, ten que vir do exercizo inalienábel do direito de Autodeterminación”. O cantautor punk quixo sinalar que se prestara a facer de voceiro dese manifesto porque “é a primeira vez que me sinto identificado e ilusionado cunha iniciativa”
Charo Lopes, membro da portavocia, destacou os esforzos de Causa Galiza por “incidir nas relacións entre a loita autodeterminista e a actual situación económica”, reflectida no lema deste 25 de Xullo. Asi mesmo, avanzou o programa de actos da organización para este Día da Patria. Ao remate da manifestación, a iniciativa vai realizar o xa tradicional xantar de convívio no parque de Belvís.
Neste mesmo espazo, van realizarse debates políticos sobre os movementos autodeterministas no Estado Español, a relación da crise coa reivindicación soberanista ou a situación da língua galega. O programa compleménta-se ademais con presentacións de libros, competicións de billarda e fútbol e actividades para os nenos e nenas. A partir das 2o.ooh, e como principal novidade, vais-se celebrar un concerto coas actuacións de Projecto [‘trεpja], Labregos no tempo dos Sputniks e Fracasados de antemano.
(1) Manifesto de apoio á Iniciativa Popular Causa Galiza e aos actos do Dia da Pátria Galega
As persoas asinantes deste manifesto, comprometidas co noso Pobo e o noso País declaramos:
1º O noso compromiso coa superación do marco xurídico-político español, negador da nosa realidade nacional e da capacidade do noso Pobo para decidir por si mesmo. A superación deste marco, baseado fundamentalmente na Constitución Española e no Estatuto de Autonomia, ten que vir do exercizo inalienábel do direito de Autodeterminación.
2º Recoñecemos na Iniciativa Popular, Causa Galiza, un proxecto necesário para a acumulación de forzas autodeterministas. O desenvolvemento pleno da Iniciativa é fundamental para enfrontar os retos que temos por diante: socialización do direito de Autodeterminación, denúncia da insuficiéncia do marco constitucional e autonómico e rexeitamento dunha hipotética reforma estatutária.
3º Facer um chamamento aos traballadores e traballadoras, estudantes, activistas e militantes, aos cidadáns e cidadás deste País e ao Pobo galego en xeral para participar activamente nos actos axendados por Causa Galiza para o Dia da Pátria e moi especialmente para secundar a manifestación que sairá da Alameda de Compostela ás 13:00 horas que reclamará a Soberania Nacional.
Adiante a loita pola Autodeterminación e a Soberanía Nacional!
(Enviar sinatura ao correo: info [at] causagaliza [dot] org. Máis información en www.causagaliza.org)