A via estatutária está morta: Galiza necesita a Independéncia

Despois de coñecer a sentenza emitida polo Tribunal Constitucional español a respecto do Estatut de Catalunya, as organizacións independentistas o Espaço Irmandinho (EI),  a Frente Popular Galega (FPG)  e, nós, o Movemento pola Base (MpB) queremos transmitir ao pobo galego as seguintes consideracións:

1º Con este auto do TC, o Estado Español volve dar, unha vez máis, mostra da sua natureza antidemocrática: unha norma legal desenvolvida no seo da arquitectura xurídica española, aprobada polo 90% do Parlament catalán, polo parlamento español e refrendada polo pobo catalán, é mutilada por un tribunal creado a propósito para a defensa do “espírito constitucional”, é dicer, neste caso, da defensa da “indisolúbel unidad de la nación española”, sacralizada e recollida no artigo 2º dunha Constitución española, que o próprio Franco deixou ben atada na persoa do Borbón, e á que o noso pobo virou as costas masivamente en 1978.

2º Afirmamos que esta sentenza confirma o nulo percorrido da estratéxia autonomista como "via progresiva" cara a Soberania Nacional. As reivindicacións das nacións sen Estado tocaron teito dentro do marco constitucional español. Debemos insistir, polo tanto, en que o recoñecemento nacional de Galiza e dos direitos nacionais que nos corresponden como nación, entre eles o de Autodeterminación, fican totalmente negados unha vez máis polo Reino de España. A idea do avanzar cara un Estado plurinacional que puidese, hipoteticamente, recoñecer en igualdade de condicións a identidade, a liberdade e os direitos deste país, Galiza, amósa-se unha vez máis como unha quimera inxénua ou como unha arma contra a loita de liberación nacional.

3º Reafirmamos a via independentista como única alternativa posíbel para conquistar un futuro de Soberanía Nacional para a Galiza. Neste sentido, queremos chamar a atención das galegas e galegos sobre o balanzo abertamente negativo que facemos destes 32 anos de autonomia en España: xeneralización da precariedade laboral, redución do número de falantes de Galego, deterioro ambiental e territorial, expólio dos recursos nacionais, disolución crecente dos lazos comunitários, etc. Como xa anunciaramos o nacionalismo popular na Transición, o réxime autonómico é inútil para solucionar as principais problemáticas sócio-económicas, ambientais e políticas da nosa Terra.

4º Por isto, desde unha posición democrática, patriótica, soberanista e de esquerdas, debemos deixar claro que non imos asumir o rol colonialista que pretenden reinstaurar políticos e caciques de novo cuño, como certos sectores maioritários no autonomismo autóctono, que pretenden vender o País a unha determinada burguesia que tan só é correa de transmisión do grande capital e, por tanto, tan reaccionária no social como no nacional.

 5º Facemos un chamamento á totalidade do nacionalismo galego e ás clases populares para enfrontarnos á futura reforma estatutária “perfectamente constitucional” que PP e PSOE iniciarán en breve e que, probabelmente, contará co concurso da dirección do autonomismo. Facemos un chamamento, pois, a todas as traballadoras e traballadores, aos e ás patriotas galegas e ao conxunto das e dos demócratas deste país para rexeitar o marco autonómico e para apostar na ruptura co marco xurídico – político imposto polo fascismo español, como única posibilidade para construír un futuro de auténtica democracia e soberania neste país.

6º Damos, por último, o noso apoio aos compañeiros e compañeiras catalás que neste vindeiro fin de semana se manifestarán a prol da súa nación e do dereito inalienábel a decidiren o seu presente e futuro sen inxerencias e en liberdade.

Viva Galiza Ceibe e Socialista!

Estatutos non, autodeterminación!

A Independéncia é o único camiño!