Política leiteira da UE: o Grupo de Alto Nível condena ás gandeiras e gandeiros europeos

A orientación proposta polo Grupo de Alto Nível (GAN) non dá perspectivas aos produtores e produtoras. Sen regulación pública da produción e mercado leiteiro, non é posíbel unha solución definitiva para esta crise. As decisións tomadas polo GAN son un sinal que denota a mala dirección para a PAC 2013.

 

As recomendacións do GAN non tratan as causas da crise leiteira. Como a Coordenadora Europea Via Campesiña (ECVC) indicou durante a primeira audición o pasado outono, as expertas/os dos 27 Estados Membros non traballaron sobre as cuestións esenciais da regulación da produción, as estruturas e modos de produción, acabar co dumping á exportación, e a repartición da produción na UE. As propostas do GAN son unha etapa adicional no abandono dunha regulación europea para o leite, deixando aos estados membros e ás empresas lácteas as decisións que van acentuar as distorsións entre países e produtores/as.

 

No tocante á Contractualización: substituír a regulación pública da produción por unha contractualización privada entre produtores/as e empresas seria un grave erro. A contractualización non vai regular a produción europea. Como indicou Alison Burell (Xunta Research Center) durante a Conferéncia UE do 26 de marzo, a contractualización non vai reforzar o poder das/dos produtoras/es e non vai garantir unha mellor repartición do valor engadido no seu favor. Nun contrato individual entre a produtora/or e unha industria láctea, esta última será na maioria dos casos quen teña unha posición á forza, e os contratos favorecerán sempre máis aos grandes produtoras/es que ás/aos pequenas/os e medianas/os. Un contrato individual entre produtora/or e unha industria láctea non sería útil se non hai un control público da produción e unha negociación colectiva dos prezos sobre base dos custos de produción. Unha contractualización tal e como expón o GAN supón un retroceso nos direitos das/dos produtores, como ocorreu en Suíza, onde a supresión das cotas levou o incremento da produción, o declive de prezos, e a aparición de conflitos. O exemplo de Suíza mostra as dificultades desta via. Como suliñou Alison Burell, a promoción da UE das organizacións de produtores/as de froitas e verduras, tampouco reforzou o poder de negociación fronte á transformación e á distribución, nin garantiu unha mellor repartición dos beneficios.

 

No tocante ao Poder de negociación das produtoras e produtores: sen regulación pública europea da produción que adapte a produción ao consumo comunitário, non haberá nunca boas condicións de negociación entre organizacións de produtoras/es e industrias lácteas, como propón o GAN.

 

O GAN, demasiado preocupado dos intereses da Indústria e da Distribución, non propón medidas significativas. Sen transparéncia das marxes comerciais de todos os actores, as produtoras/es e os consumidoras/es serán, como ocorre actualmente, os perdedores. ECVC Pide unha transparencia dos prezos ao longo da cadea de produción e distribución do leite e a limitación das marxes da industria e da distribución en función dos seus custos reais.

 

Diante da proposta de examinar medidas complementárias á rede de seguridade actual compatíbel coa caixa verde da OMC, para facer fronte á volatilidade das rendas dasd produtoras e os produtores, o GAN foi o exemplo da caréncia de vontade política que ostentan os estados membros no que se refire a atacar a volatilidade dos prezos e as súas causas. Os prezos quedan no marco manipulado da OMC e da sua caixa verde, instrumentos do pasado século XX, non só incapaces de facer fronte aos retos actuais, senón que ademais agravan a situación actual e o futuro dos produtores/as.

 

A UE ten-se que fixar como obxectivo uns prezos estábeis e xustos para o sector produtor, ligados aos custos de produción. Unha produción estábel necesita dun control público europeo da produción, adaptado ao consumo interno, cunha repartición xusta da produción entre os países e entre os produtores e produtoras.

 

Non aos mercados de futuros!!! VIA CAMPESIÑA -ECVC opon-se á posta en marcha de mercados de futuros para o sector lácteo, sistema que só favorece á Industria e aos poderes financeiros, máis non ás produtoras e produtores!! ECVC pide unha etiquetaxe obrigatoria do lugar de produción e do lugar de transformación do leite.

 

A investigación para conseguir os custos de produción máis baixos foron o motor da innovación no sector leiteiro, a miúdo á conta dos custos ambientais e sociais. Non se pode falar seriamente de competitividade se non se integran estes custos, que son sempre externalizados e finalmente pagados polo/a contribuínte. Non se pode falar tampouco de competitividade se se inclúen as axudas públicas nos resultados dos rendementos.

 

Via Campesiña en matéria de competitividade sobre o mercado internacional afirma que vindica o direito a producir. Esixe non vender nen exportar o leite  a un prezo inferior ao do seu custo de produción, non máis desprezos ás produtoras e produtores dos terceiros países.

 

ECVC entende que a investigación, a formación, e o apoio teñen-se que centrar agora nos modos de produción sustentábeis, baseados en forraxes locais, dimiiuíndo o quecemento climático, favorecendo a biodiversidade e xerando efectos positivos social e medioambientalmente.

 

Coordinación Europea Via Campesiña chama ás labregas e labregos europeos a mobilizar-se para empurrar á UE a cambiar a orientación para o leite proposta polo GAN, vinculada á que se pretende dar á PAC 2013.