Luita coa CIG o 17 de xuño

Por qué unha nova Reforma Laboral cando despedir máis fácilmente non crea emprego, senón que o destrue. Reducir salários non crea riqueza, paraliza o consumo e desactiva a economia. Pensa por que os países con salários máis altos son os que menos sofren esta crise, teñen menor desemprego e menor precariedade nos contratos. Unha nova Reforma Laboral que ademais quere reducir pensións, ceder a xestión dos contratos a axéncias privadas e ETTs, flexibilizar a xornada de traballo e desregular a negociación dos convénios para abaratar salários e empeorar as condicións de traballo.

 

UGT e CCOO teñen asinado nestes anos moitas reformas que abarataron o despedimento e reduciron salários, pero a nosa luita é a única resposta para paralizar as reformas.

 

1ª.- Preguntémos-nos por que por vez primeira na história en Galiza, o 20% da poboación acumula máis riqueza que o 80% restante que somos a Clase Traballadora?

Hai 30 anos en Galiza, cando eramos menos de 450.000 asalariadas/os, traballadores e traballadoras, agora somos 900.000; o peso dos nosos salários no PIB representaba o 63% mentres as rendas do capital (empresárias/os, executivas/os, profesións liberais) representaban apenas o 24%. Hoxe os salários representan o 42% e as rendas do capital o 44%. Somos o dobre que daquela, mais diminuímos a nosa riqueza mentres os ricos son moito máis ricos.

Máis do 60% dos salários en Galiza non supera os 1.000€. Hoxe unha família necesita traballar todas/os seus menbros para defender a sua economía e maioritáriamente nos sectores con baixos salários búscas-e o auxílio das horas extras e ademais de recorrer ao crédito e ás hipotecas, senón os salários non chegan.

A economía da Clase Traballadora está endebedada para negócio dos bancos, tamén os baixos salários para maior plusvalia e benefício das Empresas.

2ª.- Preguntémos-nos tamén porque se propoñen as reformas para correxer a débeda pública en países como Grécia, Portugal, Itália, Irlanda e o Estado Español, cando son precisamente estes países os que menos débeda pública teñen en relación ao PIB (Produto Interior Bruto) da Europa dos 15, e son por tanto os que menos gastan en pensións, prestacións públicas, desemprego, ensino, sanidade e salários das e dos empregados públicos.

Cando esixen reducir o gasto público no Estado español, o que están a pedir os ricos, o capital, é que se reduzan os salários das e dos empregados públicos primeiro e logo o do resto das traballadoras e traballadores, non importa que xa sexan baixos. Ademais piden que se reduzan as prestacións públicas, pensións e desemprego, e todos os gastos destinados á sanidade e  ao ensino público. Desta maneira os Bancos estarán seguros que de primeiro o Estado lles paga a eles os empréstimos contraídos polos Bonos Públicos (débeda pública), e os empresários están seguros de que coa redución do gasto público se van privatizar para as empresas servizos públicos na Sanidade, no Ensino, na Asisténcia a persoas dependentes e terceira idade, nos servizos dos Concellos e das Comunidades Autónomas, Piscinas, Incéndios, Limpeza, etc. Máis negocio para a empresa privada e peores salários, peores servizos públicos e máis precariedade para a Clase Traballadora.

3ª.- Como podemos explicar que xusto nestes países que teñen os salários máis baixos da UE dos 15, precisamente para estes, os Gobernos, a Banca e a Patronal están pedindo e executando medidas de redución e conxelación de salários?

Unha das medidas que máis rouba diñeiro á Clase Traballadora e transfire-o para o Capital prodúcese por unha fonda reestruturación e reformas laborais no mundo do traballo dos últimos 30 anos. A subcontratación do traballo en todos os sectores, a eventualidade, as ETTS, etc, hoxe no Sector Público, no Automóbil, no Naval en calquer sector a subcontratación fai-se para abaratar os salários, para traballar máis horas, para poder despedir mais facilmente sendo eventuais, para poder sobreexplotar a Clase Traballadora. Mais curiosamente os países cos salários máis altos son os máis competitivos e con menor desemprego, por tanto salários baixos e precariedade é igual a máis crise e maior desemprego.

4ª.- Como se explica que o Goberno español destina-se máis de 200.000 millóns de euros no ano 2009 en axudas á Banca con xuros do 1%, e logo estes mesmos bancos con este diñeiro, poidan mercar Bonos do Estado (emisión de débeda pública ) que o Estado deberá pagar logo a estes bancos a uns xuros de entre o 7 e 10%?

A Banca e as transnacionais teñen un poder imenso. O lóxico sería que en vez de dar-lle este diñeiro á Banca Privada e endebedar-se con eles, o Estado crea-se unha Banca Pública como existia antes, para asegurar o crédito ás empresas e á Clase Traballadora, deste xeito non se paralizaria a economia porque se activaria o consumo. O caso do Brasil e do Uruguai son paradigmas deste exemplo: con catro Bancos Públicos, en vez de reducir salários, subíro-nos e as suas economias son das que máis medran no planeta e crean emprego. Non teñen crise. Mais a Banca Privada non quer competidores públicos. O capitalismo concentra a riqueza para os capitalistas.

5ª.- Por que nestes mesmos países queren reformar o Sistema Público de Pensións, cando por exemplo no Estado español o Fondo de Reserva acumula 53.000 millóns de superávit, a maior cantidade da súa historia?

A Clase Traballadora é hoxe o dobre que hai 30 anos, por tanto somos o dobre dos cotizantes. Por esta razón desde hai 10 anos o Fondo de Reserva das Pensións ten un superávit tan importante. As pensións non están en crise, pero é un grande negócio para a Banca e as Empresa privadas que queren xestionalo. Reducir as pensións públicas para que teñamos que contratar pensións privadas e deixar sen recursos aos máis necesitados socialmente. Esta política está fracturando mais á sociedade, creando mais exclusión social e repartindo a riqueza para os máis ricos.

         

                   17 de xuño: MOBILIZA-TE!!!

                Non o permitamos!!!

                               Mobilíza-te coa CIG este 17 de uño para a convocatória dunha Folga Xeral!

 

Manifestacións

 

  • Vigo ás 2o,oo h. Via Norte
  • A Coruña ás 2o,oo h. Praza da Palloza
  • Compostela ás 2o,3o h Praza Roxa
  • Pontevedra ás 2o,3o h. Praza da Ferreiria
  • Ferrol ás 2o,oo h. Avda. de Esteiro (local da CIG)
  • Lugo ás 2o,oo h. Parque de FRIGSA
  • Ourense ás 2o,oo h. Pavillón dos Remédios