Causa Galiza celebrou o seu Plenário Nacional coas olladas postas no Dia da Pátria
A iniciativa autodeterminista Causa Galiza celebrou o pasado sábado 5 de Xuño Plenário Nacional no centro social O Pichel de Compostela. Á cita asistiron 45 persoas para organizar a campaña do próximo Dia da Pátria, o posicionamento público de Causa Galiza de apóio á convocatória dunha Folga Xeral Nacional, os traballos relativos á expansión territorial da iniciativa nas comarcas non urbanas do País e a consolidación do noso aparato económico. O Plenário Nacional evidenciou a consolidación organizativa do proxecto e o seu alongamento a novos sectores políticos e sociais soberanistas.
A cuestión fundamental que centrou os labores do Plenário foi o establecemento das liñas mestras da campaña para o 25 de Xullo. Asi, a iniciativa soberanista ligará a nivel discursivo e propagandístico a reivindicación da soberanía e a autodeterminación coa situación de crise socioeconómica agravada que vive o pobo galego, desde a óptica de que a carencia de soberanía nos furta os instrumentos institucionais necesarios para nos defender da ofensiva do Capital. Alén disto, as persoas asembleistas aprobaron o desenvolvemento dunha ambiciosa campaña soberanista ao longo de Xullo, coa activación das asembleas comarcais existentes e a constitución doutras novas dentro do ciclo de expansión territorial no que nos encontramos.
Folga Xeral Nacional
Finalmente, definiu-se o programa de actos deste Dia da Pátria, que terá como novidade a celebración de varias palestras na tarde do noso dia nacional dentro dun amplo programa de actos públicos. A presenza de delegacións de movementos de liberación nacional de diversas nacións europeas sen Estado e a presentación de vários materiais editados para a ocasión serán outras das novidades deste 25 de Xullo que anunciaremos nas próximas semanas.
O Plenario Nacional decidiu a difusión dum comunicado de apoio á convocatória dunha Folga Xeral Nacional contra as medidas de recurte social e reforma laboral impostas polno Goberno español que pretenden facer pagar os custos da crise á maioria social. Ademáis, destacou-se a necesidade de que a Folga Xeral Nacional sexa, para alén dunha ferramenta de loita e defesa socioeconómica, un chanzo máis na autoorganización e a construción nacional da Galiza.