A CIG rexeitará, na mesa xeral da función pública, as medidas para reducir o déficit que Feijoo pretende aplicar en Galiza
“Se o PP galego fora coherente co que votaron no Congreso aqui non as aplicaria”
A área pública da CIG ven de facer público o seu rexeitamento á aplicación en Galiza das medidas, aprobadas pola mínima no Congreso, para reducir o déficit. As federacións de Administración, Saúde e Ensino aseguran que o goberno galego tiña capacidade para minimizar o seu impacto e indo máis alá, mesmo denuncian que “se foran coherentes co que votaron no Congreso, aqui non as aplicarian”. A CIG trasladará esta posición á Mesa Xeral da Función pública, convocada para esta segunda feira luns ás 13:3oh e agarda que se teñan en conta as suas demandas. “Estaba nas mans de Feijóo facer recortes que non foran tan lesivos para as retribucións das empregadas/os públicas/os en Galiza, mais preferiu traspor directamente o decreto aprobado no Congreso”, explica María Carme López Santamariña, Secretaria Nacional da CIG-Administración.
Lonxe diso anúncia-se a aplicación íntegra do decreto cunha redución salarial do 5% para funcionárias/os e persoal laboral e que tamén estarán afectados as empregadas e empregados públicos dos entes dependentes da administración. López Santamariña cualifica de “covarde” a actitude de Núñez Feijóo, por amparar-se no decreto estatal para dicer que teñen que aplica-lo, cando a Xunta de Galiza teria capacidade, se quixer, para minimizar o seu impacto.
Para as federación da área pública da CIG esta decisión é inadmisíbel, toda vez que desde a Xunta se poderian facer recortes en moitas matérias antes que facer pagar a crise e o déficit aos empregadas/os públicas/os. A secretária nacional de CIG-Administración comeza pola anulación do Plus dos Altos Cargos e segue coa redución dos múltiples gabinetes e asesores ou a redución destas figuras que teñen neste momento tamén os superdelegados.
Desde a área pública da CIG tamén se propón reducir os gastos en publicidade institucional, nomeadamente no millón de euros que se vai destinar a vender o decreto de plurilingüismo; o parque móbil ou as enormes cantidades que se embolsan os representantes da administración por aparecer na infinidade de Consellos de Administración nos que participan.
Diante desta situación, a CIG fai un chamamento a participar na folga convocada en toda a área pública para o vindeiro día 8 de xuño, porque do seu éxito depende que se poida frear a imposición destas medidas e evitar que se introduzan outras aínda máis lesivas, non só para a función pública senón mesmo para o conxunto da clase traballadora.
Manifestacións convocadas para o 8 de xuño
A CIG ten convocadas para o día 8 de xuño, coincidindo coa folga no sector público, manifestación simultáneas en todas as comarcas.
Compostela. Saida da Para do Toural ás 11:30 horas.
A Coruña. Saida da Praza da palloza, ás 11:30 horas.
Ferrol. Saida de Eduardo Pondal, 41-43, ás 12:00 horas.
Pontevedra. Saida da Praza da Ferreiria, ás 11:30 horas.
Lugo. Saida da Ronda da Muralla, 58, ás 12:00 horas.
Ourense. Saida do Pavillón dos Remédios, ás 11:30 horas
Vigo. Saída da Doblada, ás 11:30 horas.