Para defendermos o galego, Galiza necesita soberania e independéncia
Para defendermos o galego, Galiza necesita soberania e independéncia
Tal dia coma hoxe cúmpren-se cento corenta e sete anos da publicación, en Vigo, dos Cantares Gallegos de Rosalia de Castro. Este Dia das Letras Galegas está dedicado á memória de Uxio Novoneyra.
Novoneyra, lonxe de ser o “paisaxista místico” que certos reacionários pretenden, foi un materialista que se soubo fundir coa natureza e identificar-se coas arelas de liberación do pobo galego en conexión internacionalista e solidária con todos os pobos asoballados do mundo. Sofreu a opresión e militou con dignidade suprema no antifascismo.
Percebeu a natureza feroz do inimigo e combateu-no coas suas nobres palabras. Amou a Nación das humilladas e humillados e dos despersonalizados polo colonialismo e quixo insuflar-nos a todos/as o vigor de liberdade que vivia no seu verbo. Novoneyra foi un patriota da língua que sentia esta como a ánima de ferro que sostén a Galiza.
As organizaçons Frente Popular Galega (FPG), Movemento pola Base (MpB) e Espaço Irmandinho (EI) que asinamos este comunicado unímo-nos hoxe aos que fan memória pública e colectiva (que será permanente) do grande poeta do Courel e grande poeta nacional que Novoneyra foi, é, e seguirá a ser en todos os séculos futuros.
Novoneyra canta a dor do suxeito, a paixón e a fondura do amor e as grandes mágoas sofridas no duro curso da própria existéncia. Pero ese radical existencialismo nunca lle impediu abrir-se ao sentir da colectividade humana.
Vivemos, con emoción, un intre no que as multitudes se unen contra a infámia en Galiza. Debemos estar entre as masas de traballadores e traballadoras que sofren a crise capitalista e que reclaman a mobilización constante deica un obxectivo, a FOLGA XERAL, que deteña o furor capitalista e que nos encamiñe á INDEPENDÉNCIA NACIONAL e ao SOCIALISMO. E, neste 17 de maio, Dia das Letras Galegas que sen dúbida vai pasar á História, as organizacións citadas tamén nos unimos á maioria social que en Galiza rexeita o DECRETO que os poderes coloniais españois preparan co fin de facer o noso idioma máis subalterno e inferiorizado, reivindicando o monolingüísmo social e alentando á desobediéncia do profesorado e o estudantado galegos contra a estratéxia de extermínio da nosa lingua. Eles intentan facer desaparecer a língua de Novoneyra, o idioma nacional dos galegos e das galegas. Non o toleraremos.
NA MEMÓRIA DE NOVONEYRA: NON AO DECRETO DO EXTERMÍNIO!
NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS:
VIVA GALIZA INDEPENDENTE E SOCIALISTA!
Dia das Letras 2010