Manifesto 1846–2010 CARRAL SEMENTE DA GALIZA SOBERANA -- CAUSA GALIZA

O levantamento popular de 1846 marcou un ponto de inflexión na História Contemporánea de Galiza, cuxas consecuéncias se extenden até o presente. Naqueles dias, nos que se escreberon algunhas das máis fermosas páxinas de heroismo e combatibidade do noso País, púxo-se por vez primeira, de xeito organizado, a reivindicación nacional como eixe central do programa político. O movemento provincialista, rexeitando a ditadura e o centralismo, esixia algo tan sinxelo como o direito das galegas e galegos a decidir o seu próprio destino. Cento sesenta e catro anos despois, desde CAUSA GALIZA recollemos a semente daquela primavera ao afirmarmos que o exercizo da autodeterminación é, para alén dun incuestionábel direito que nos é negado, a única garantia dun futuro digno para este País. Neste ano, no que se cumprirán 30 do referendo – maioritáriamente non respaldado – do Estatuto de Autonomia, podemos comprobar como o balanzo deste sistema é demoledor: destrución dos sectores produtivos, desmantelamento industrial, desertización do mundo rural, incremento da emigración, nomeadamente da xente moza, destrución do território, turistificación e a maior perda de falantes da história da nosa língua é todo o que a autonomia outorgada polo Estado español nos oferece. Sectores nos que Galiza era punteira hai trinta anos, como a pesca ou a construción naval, exemplifican cruelmente como o carecer de soberania política é sinónimo de non ter posibilidade algunha de desenvolvemento e progreso. A actual crise económica pon de relevo como a falta de control sobre os nosos recursos nos condea á pobreza e á dependéncia: mentres se está a subvencionar con millóns de euros das arcas públicas ás empresas que precarizan as condicións laborais, milleiros de galegas e galegos engrosan as listas do paro, sempre por riba da média estatal. Mentres as pequenas produtoras e produtores agrícolas ven-se na obriga de pechar as suas explotacións, o empresariado recebe carta branca para se lucrar a costa dos recursos e do território, desde o Cabo Touriñán até a Pena Trevinca, beneficíando a un fato de explotadores a conta da maioria social. Galiza precisa do control exclusivo sobre o território e os recursos para poder planificar un desenvolvemento en función das nosas próprias necesidades colectivas, cuestión esta que parece ficar á marxe do debate sobre a fusión das caixas de aforros. Precisamos dun instrumento financeiro público e sometido ao control popular que serva para impulsar a economia produtiva e o desenvolvemento sustentábel; esiximos que os nosos cartos sosteñan unha actividade económica autocentrada que exprima as nosas potencialidades en benefício da maioria social. As mulleres e os homes que nos agrupamos en CAUSA GALIZA, recollendo a semente que pretenderon esmagar na vila de Carral, continuaremos a construir unha masa social disposta a sustentar un pulso estratéxico con quen nos nega a soberania, non só a política, pois como afirmaba o patriota irlandés James Connolly, que tamén un 24 de abril se alzou en Dublín para proclamar a soberania do seu país, “declaramos(…) o direito do pobo de Irlanda á posesión de Irlanda,(…) declaramos que a soberania nacional se extende a todos os recursos, a toda a riqueza, a todos os procesos que producen riqueza na Nación”. E asi se farán realidade as arelas de Antolín Faraldo e “chegará a conquistar Galiza a influéncia da que é merecedora, colocándo-se no alto lugar ao que está chamado o antigo reino dos suevos”.