O MpB asina a declaración de nulidade dos xuízos políticos do franquismo

Destinatário: Goberno español

Recollida de asinaturas para que o Goberno español declare a nulidade dos xuízos políticos do franquismo
As persoas que abaixo asinamos, queremos manifestar publicamente o que segue:

1º Somos coñecedoras do infructuoso periplo xudicial seguido pola família de Xosé Humberto Baena Alonso para lograr que o Goberno español declare a nulidade do xuízo militar que condeou a morte ao antifascista galego e a outros catro militantes antifascistas e nacionalistas en 1975. Os recursos xudiciais previstos pola lexislación española para conseguir a nulidade daquela farsa foron esgotados. O recurso presentado no Tribunal Europeo de Direitos Humanos de Estrasburgo tampouco achegou solucións. Hoxe, cando se van cumprir 35 anos dos fusilamentos do 27 de setembro de 1975, seguimos a reivindicar que o Goberno español declare nulo a todos os efeitos aquel xuízo militar completado coa incomunicación e a tortura dos procesados.

2º A Lei de Memória Histórica de 2007, aínda que con certos aspectos positivos, non saldou a débeda pendente do Estado coas vítimas de graves violacións de direitos humanos como torturas, desaparicións ou execucións extraxudiciais. Esta Lei permite recorrer ante o Tribunal Supremo as sentenzas "ilexítimas" dunha série de tribunais ditadas contra as persoas sometidas a xuízos inxustos. Sen embargo, casos como o de Xosé Humberto Baena Alonso evidéncian claramente a sua insuficiéncia e a impunidade na que deixa os asasinatos de Estado: o periplo xudicial seguido ata os tribunais Supremo e Constitucional pola família do antifascista galego non serviu para conseguir a desexada nulidade do proceso militar, nen obtivo verdade, xustiza e reparación. Debemos por tanto persistir nesta loita de dignificación dos fusilados e restablecemento da verdade.

Por todo isto, iniciamos unha Campaña de recollida de sinaturas, reclamando duas medidas ao presidente do Goberno español José Luís Rodríguez Zapatero:

1ª Que estableza unha “Comisión da Verdade”, como noutros países, que catalogue as violacións e abusos cometidos contra os direitos humanos segundo o direito internacional, de forma que a Fiscalía Xeral do Estado revise e anule, no seu caso, e de ofício, os xuízos inxustos.

2ª Que anule os xuízos inxustos do Franquismo mediante unha lei específica, tal como fixo Alemaña en 2005 cos xuízos do nazismo.

http://www.peticao.com.pt/assinar-peticao.html?peticao=1757