Polo monolingüismo social
O Movemento pola Base acudirá á manifestación en defensa da lingua do 18 de Outubro, convocada pola Plataforma Queremos Galego, integrado no Bloque polo Monolingüismo Social. Este Bloque alternativo é o resultado da unión de forzas en torno a tres principios: un país socialmente monolingüe en Galego, primar a reactivación da acción normalizadora de base en todas as frentes sociais, e a loita por un novo cadro legal superador da desigualdade xurídica existente entre Galego e español.
Unha das razóns que nos levan a apoiar a constitución deste Bloque crítico coa Plataforma convocante é a actitude pouco xenerosa mantida desde o principio polas organizacións impulsoras de Queremos Galego que, lonxe de buscar un acordo amplo entre todo o corpo social organizado que defende o idoma galego, preferiron empregar esta convocatoria para afianzar a súa posición hexemonista no movemento normalizador, como correas de transmisión dos intereses partidarios da dirección do Bloque Nacionalista Galego. Esta actitude, que evidentemente é lexítima, cremos que non está a altura da situación de emerxencia que está a vivir o noso idioma. Esta situación requeriria un acordo nacional entre todos os sectores que defenden o idioma, sen exclusións de nengun tipo, e co recoñecimento de todas as sensibilidades presentes no movemento normalizador e nacionalista. Aqueles sectores que, coma nós, acreditamos nunha Galiza socialmente monolingüe en galego e que pensamos que só coa superación do actual marco lexislativo e institucional (estatuto-constitución) a hexemonía social do galego será posíbel, tamén temos direito a ser recoñecidos como suxeito e a ver a nosa voz representada nunha plataforma verdadeiramente unitaria. Entre outras cousas porque cremos que o que nos defendemos foi a liña mantida polo nacionalismo nas últimas décadas, e porque pensamos que foi o nacionalismo o maior defensor da dignidade e normalización do noso idioma.
Por outra banda é obvio que como nacionalistas galegos non podíamos non participar nunha movilización como a que vai ter lugar este Domingo 18. A ninguén se lle escapa que é unha necesidade nacional que esa movilización sexa masiva e que sería un acto de irresponsabilidade tentar debilitar un acontecimento tan importante. Ademais as forzas de cadaquén son as que son e, nese sentido, o nacionalismo institucional e os promotores de Queremos Galego teñen unha grande capacidade movilizadora, pensar nunha grande movilización sen a súa presenza hexemónica ainda non parece posíbel.
A terceira razón para engrosarmos este Bloque polo Monolingüismo social é que cremos que nunha movilización como a deste domingo o soberanismo e o independentismo debemos ser quen de articular un discurso sobre a lingua que nos unifique e visibilice ante a sociedade e que vaia construindo e alicerzando unha unidade de acción a cada vez mais necesaria. Ao mesmo tempo entendemos a pluralidade do movemento independentista como unha riqueza e que a unidade de acción neste momento vaise basear en fortalecer aquilo que nos une, sen buscar que ninguén renuncie a principios que o identifican, en beneficio dun monolitismo probabelmente empobrecedor. Deste xeito entendemos como altamente positivo a confluencia no mesmo espazo do Bloque polo Monolingüismo Social coa plataforma Galego Sempre Mais que agrupa ás entidades normalizadoras reintegracionistas de base, con quen compartillaremos tamén o final na praza do Toural.
Sumámonos ao Bloque polo Monolingüismo Social, en fin, porque cremos que no seu Manifesto do tres pontos, está recollido todo o que nos une.
Adxuntamos a esta nova a folla voandeira do Manifesto dos tres pontos para quen queira descargala e distribuila.
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| volantina.pdf | 501.34 KB |