A loita continúa!

Outro 12 de Agosto lembramos ao compañeiro Moncho Reboiras. Para os que seguimos na loita, sen claudicar, empeñados na construción dun poder popular que se alicerza  desde abaixo, a de hoxe non é unha data mais no calendario "litúrxico" do nacionalismo. Conmemorar esta data supón homenaxear a toda esa xeración que aló no principio dos anos setenta, nunhas condicións moi duras, puxeron outra vez a andar o nacionalismo neste País. Aqueles mozos e mozas actualizaron o corpo ideolóxico do noso movemento conectandoo cos intereses do proletariado, dos estudantes e doslabregos. A xeración á que Moncho representa, non dubidou en poñer en risco a súa liberdade individual, incluso a súa vida, por defender aquelo no que apaixoadamente crian: unha Galiza dona de seu, protagonizada polas clases populares.

O nacionalismo contemporáneo é fillo desta xeración e do exemplo de Moncho en particular. O empuxe que a incorporación da mocidade traballadora supuxo para o nacionalismo popular conseguiu un rexurdimento histórico da consciencia nacional e de clase que, coas dificuldades, os fracasos e as traizóns, ainda continúa. As sementes de vencer que deixou Moncho, hoxe vémolas no sindicalismo combativo, nas iniciativas de defensa da nosa identidade, nos centros sociais, na defensa da terra, nos e nas que sufren a represión por defenderen as suas ideas...

Desde o Movemento Pola Base pensamos que figuras como as de Moncho Reboiras non son patrimonio de nengunha organización e que buscar lexitimidades "históricas" a dia de hoxe é ridículo. Moncho Reboiras forma parte da identidade e da memoria de todo un movemento que loita por unha Galiza ceive e socialista.