Adiante coa tractorada!

Nestes últimos anos vense dando un proceso de precarización dos produtores lacteos do noso País motivado principalmente pola subida de prezos dos combustíbeis e o monopolio nas canles de distribución por empresas alleas aos intereses dos propios labregos. Ante isto as organizacións agrarias galegas, e especialmente o Sindicato Labrego Galego, veñen mobilizándose na defensa da regulación do mercado mediante a implantación do prezo mínimo nas transaccións entre produtores e distribuidores que cubra os custes de produción.

Desde o Movemento pola Base pensamos que, mais unha vez, o papel dos gobernos autonómico e central foi o de defender os intereses do mais poderosos, alegando que a implantación legal dun prezo mínimo vulneraría as leis do "mercado libre". Eis a "política" neoliberal da non intervención: as grandes industrias  poden colocar os seus produtos onde lles pete (leite Francés na Galiza), ao prezo que lles veña en gana (por debaixo dos custes de produción) favorecendo o monopolio e a indefensión de produtores e consumidores. As consecuencias para os pequenos produtores, sen instancias administrativas que os amparen, a ninguén se lle escapan: redución de ingresos, abandono das explotacións, despoboamento do rural... Do mesmo xeito para unha nación como a nosa, que arrastra unha crise estrutural no agro, isto pode supor a total destrución do sector leiteiro coa conseguinte perda de ingresos para a nosa sociedade no seu conxunto.

É por todo isto que queremos amosar o noso apoio á tractorada que no día 17 de Xuño percorrera Galiza. Para mais información.