Detencións e sancións pola defensa da ría e contra a especulación en Cangas

Desde o ano 2005, primeiro ano no que as obras do porto deportivo forn paralizadas, os viciños e viciñas de Cangas levan manifestando o seu forte rexeitamento á especulación e aos plans reservados para o espazo natural do Salgueirón, no que se albergaría un porto deportivo, un centro comercial e mesmo unha urbanización de luxo proxectada no contorno de Punta Balea e o Salgueirón, onde está ademais a vella factoría de Massó.

Esta loita continúa, e desde que volveran as excavadoras no último mes, sempre houbo presenza das xentes do Foro Social de Cangas, para tentar evitar que se executan e desenvolvan estas obras, declaradas ilegais por auto xudicial, mais que a Autoridade Portuaria permite executar.

Chama a atención neste sentido a febleza e timidez nas posicións mantidas nestes últimos tempos pola alcaldesa do BNG, Clara Millán, que está a permitir o comezo destas obras, aínda que no pacto de Goberno asinado entre PSOE, BNG e ACE un dos pontos é o rexeitamento ao porto deportivo de Cangas.

Detencións e sancións

Asi, no último mes xa teñen chegado a activistas do Foro Social de Cangas multas por esta presenza activa fronte a invasión das pedras e camións en Massó. Denuncian o papel que está a xogar nese sentido a Guardia Civil, que actúa mesmo de seguridade privada da empresa construtora, e que está a perseguir a aqueles que defenden a ría e que tentan que non se cometa esta inxustiza contra o medio e que tan gravemente afectaría ao futuro dos traballadores e traballadoras do mar, polo seu impacto no marisqueo.

O 1 de xuño comezaba de novo unha semana máis de bloqueo das obras e de control do que se está a realizar nesta zona, mais desta volta a Guardia Civil, por orde da Subdelegación do Goberno, decidiu dar un paso máis no control, e non chegou con identificar ás persoas que ali estaban, senón que detivo a un activista da Ria non se Vende, que chegara desde Vigo para amosar a súa solidariedade e coñecer o que estaba a acontecer, e dous membros do Foro Social de Cangas. Foron trasladados ao cuartel a primeira hora da mañá e non sairían do xulgado até as catro da tarde.

Concentración de embarcacións

Á tarde, ás seis e media, os mariñeiros de Cangas tiñan xa convocada previamente unha mobilización por mar e terra, á que estaba chamada todo o pobo de Cangas, para amosar o seu rexeitamento ao comezo das obras. Esta concentración de embarcacións e viciños/as tivo que trasladarse desde Punta Balea até o porto, pola escasa visibilidade que había pola brétema. 

No porto decenas de embarcacións realizaban unha sonora concentración para visibilizar diante do pobo de Cangas que "Cangas non se vende" e ao berro de "porto ilegal", mostraban tamén a súa solidariedade cos detidos da mañá.

Hai máis imaxes desta xornada na galería de imaxes da nosa web, ou nesta ligazón.

Apoio do Movemento pola Base

O Movemento pola Base quere amosar o seu apoio á loita que vén dando desde hai anos o Foro Social de Cangas, dun xeito incansábel e valente. Porque o conflito pola defensa do territorio é fundamental nestes momentos de especulación, e a loita dos viciños e viciñas de Cangas é todo un exemplo de resistencia e mobilización. Porque tentan a través da represión, das sancións e detencións, calar as súas voces, as nosas voces, e estamos ben seguros e seguras de que non van poder. 

Cangas non se vende! Porto deportivo, porto ilegal! Goberne quen goberne, a ría non se vende!