Solidariedade con Iniciativa Internacionalista

O Movemento Pola Base participou, a través do compañeiro Miguel Anxo Abraira, no acto celebrado o pasado 21 de Maio no IES Santa Irene de Vigo en apoio á candidatura Iniciativa Internacionalista. Neste acto participaron tamén o Espaço Irmandinho, a Frente Popular Galega, o Partido Comunista do Povo Galego, Nova Esquerda Socialista e a Central Unitaria de Traballadores. Finalmente o Tribunal Constitucional desestimou a ilegalización proposta polo Supremo ao non atopar indicios que xustificasen a aplicación da "Lei de Partidos". Desde o MPB pensamos que situacións como a que se acaba de vivir esta semana demostran que, no caso do Estado español, a liberdade e a democracia son só para os que asinten e se submenten á orde establecida. A ilegalización de Iniciativa Internacionalista era un paso máis na represión da disidencia, unha medida de excepción que privaba do direito ao sufraxio a unha parte moi importante de cidadáns do Estado español (está vez, tamén da propia metrópole).

A decisión do Tribunal Constitucional da pasada noite, de todos xeitos, non pode facernos esquecer que en Euskal Herria centos de milleiros de persoas seguen a padecer o "apartheid" político-institucional e un estado de excepción democrática permanente. Desde o Movemento Pola Base, como organización internacionalista que somos, non podemos mais que solidarizarnos co Povo Basco e coas organizacións da esquerda abertzale vítimas da carcere de povos que se chama España.