DISCRIMINACIÓN DO GALEGO = RACISMO

Nós, os que non existimos, os que non podemos ser, os que nunca fomos, os que habemos ser, falamos a través do ventimperio da noite onde nos sepultaron. No ano no que a claudicación deu o froito máis gorentoso escolleuse a súa sobranceira encarnación para a honraren neste día: Ramón Piñeiro, brasón da morte doce que o inimigo nos deseñou, sorriso cómplice da doenza autoanémica e mortal que nos abate. O plan prefabricado no imperio pequeno dá bos resultados, a miraxe do autogoberno folclórico mata o sabor do veleno que agocha. 28 anos pasaron cangándomos cun estatuto que oito de cada dez galegos non aprobamos. 31 primaveras de lingua minguante correron cunha constitución que a maioría do noso pobo non votou. Pero a maquillaxe valeu, o fedor do imperialismo castizo camúflase á perfección na enleada burocrática de leis e decretos. O rito da urna figúrase democracia malia a ameaza do cacique e os mandamentos mediáticos ubicuos. E velaquí que hoxe amañecemos coa metade de bocas cheas coa lingua de noso. Velaquí que algúns dos nosos pían polas farangullas que o amo lles prometeu desexosos da derrota acougada, da anestesia benzoada que os libere da voz da conciencia. Velaquí que os garamelos das institucións estranxeiras pecharon e os máis cobizosos e cansos da nosa grea caeron. Pretendermos utilizar unhas ferramentas elaboradas arteiramente para a nosa destrución coa fin contraria e sen rachar as mesmas regras que as acompañan, é favorecermos a súa efectividade, lexitimalas. De que nos serviron os abalorios formais que se lle outorgaron ao noso idioma se hoxe somos a metade os que o empregamos? De que nos serven as leis que non se cumpren, os dereitos que non podemos exercer, as campañas moralizantes, as subvencións millonarias, o uso ritual do latín parlamentar..? Ao cabo os nosos meniños seguen a arremedar os heroes, monolingues no idioma de fóra, que inzan os seus xogos. Ao final séguennos a botar do traballo por esa teima nosa de non deixar de ser nós mesmos e continúan a esixirnos que nos avergoñemos do que somos por educación, por decencia, por pudor... Falamos dende abaixo, dende onde resistiu sempre o idioma secular da nosa estirpe, pois se de todos é a nosa lingua máis aínda é dos que a labramos dende o cadabullo da historia negada. Daqueles aos que identificou coma estigma do desprezo do sipaio e do pied noir. Embaixo nunca gostamos dos xogos intanxibles e simplistas dos teóricos de buró. O noso idioma non é particula abstracta de soño ideal, é arma efectiva de liberdade colectiva e individual. A cor da nosa lingua perdura na pel esfregada pola lixa do que renega. Vémolo todos os días diante nosa. Como vai ser libre o que odia todo o que lle é propio, o que raña na febras do que lle foi transmitido coa xenreira tola do que se sente luxado? Como vai ser libre o que abafa co peso do pecado orixinal de nacer entre nós, de ser un de nós perante a ollada despectiva do poderoso? Non, só hai cidadáns libres cando se recoñecen dignos no que son e no que foron os que os precederon. Agora, cando o españolismo ventou a debilidade, a incerteza, ceibou as feras do fanatismo contra nós. Xa abonda de azucre amelado no devalar da vosa integración total, coidou, que sexa doloroso e fulminante o voso exterminio. A idea grande da patria allea require a nosa desaparición inmediata. Malpocado o que non camiñe polo rego único da identidade imposta. Malpocado o diferente, o que non é como se debe ser. Malpocado o que enche a boca coa palabra dos seus, o que mantén na fala a cor maldita da nosa xente. A nosa simple existencia ofende o bo gusto dos demócratas correctos, mancha até o noso recoñecemento aparente a idea absoluta do imperio pequeno que os cega, enlorda en diverxencias a bandeira ensanguentada que defenden. Fronte a eles, só resta furarmos na súa normalidade, crebarmos na rúa e no cotián a súa corrección uniforme, abrirmos espazos de todo tipo onde o único idioma sexa o noso, responder golpe a golpe cada agresión, fuxirmos de ser engulidos pola trampa legalista que nos argallaron, erguer o ollar, mirar de fronte e perdermos de vez o medo a avanzar. Dende abaixo falamos, mentres a bota fascista perde o xesto mussoliniano e se tingue de rosa, de azul ou se cobre de arrecendos caros, falamos. Mentres algúns dubidan medoñento, nós berramos na noite o que non pode ser dito, o que non podemos calar: DISCRIMINACIÓN CONTRA O GALEGO = RACISMO!!