Dúas novas xornadas de folga, 20 e 21 de maio, polo convenio do Metal de Pontevedra

Desde hai algo máis dun mes comezaba a visibilizarse nas comarcas de Vigo e Pontevedra o conflito pola negociación do convenio provincial do Metal, no que traballan perto de 27.000 operarios e operarias. Queremos desde o Movemento pola Base achegar nestas liñas información sobre o conflito asi como amosar o noso total apoio aos compañeiros e compañeiras do Metal. Este convenio, polo que xa se realizaron tres paros no naval e dúas folgas de todo o sector o mércores 5 e o xoves 6 de maio, afecta a fontaneiros/as, electricistas, calefactores, ascensoristas, ferrallistas, sector naval, automóbil, venda e reparación de coches, polo que estamos a falar dun sector diverso e complexo, mais que é todo un referente na mobilización e na loita sindical do sul do país pola súa unión e forza nas rúas, asi como polas medidas de presión que exercen. Ataques da Patronal e intransixencia Mais nestes tempos de "crise", a Patronal do Metal quere aproveitar a ocasión para neste convenio tentar acoitelar de morte o modelo sindical que se pratica neste sector: a forza das asembleas de traballadores e traballadoras, a valentía de milleiros de persoas percorrendo ás rúas de Vigo calando a aqueles outros modelos sindicais de pactos, de entrega e de contención salarial. Asi, a Patronal está a atacar á CIG, cualificando a súa acción sindical de "chantaxe", de "realizar cafradas", de "rebentar negociacións", cando a patronal tan só propón unha suba do 1,4% para este ano e conxelar o salario no 2010, e cando xa racharon pola súa banda as negociacións en tres ocasións. A ficticia unidade sindical e o papel dos medios Tamén a Patronal conta coa "inestimábel" axuda das centrais sindicais españolas, CCOO e UGT, que o mércores 13 de maio consideraban rota a unidade sindical, polas mobilizacións contra a contratación irregular no naval. Nese sentido, aproveitaron estes dias para lanzar acusacións contra a CIG, para gañar espazo nos medios e tentar gañar o apoio na prensa co que non contan nos centros de traballo, nos que a CIG ten a maioría. Nomeadamente CCOO, co seu responsábel Ramón Sarmiento á cabeza, parecera ter máis interese en facerse un oco nas fotos e máis minutos na radio, que na necesidade da coesión para unha mellor defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras do metal. Os medios locais aproveitaban tamén a situación para criminalizar á CIG, falar de "radicais", "barricadas", e "incidencias", para evitar asi falar do auténtico problema para eles: que aínda hai quen non está disposto a aceitar esmolas, quen se organiza e responde, quen se atreve a rachar coas dinámicas impostas e dar loitas colectivas con esta dimensión. Folga o 20 e 21 de maio Neste contexto, de ruptura sindical e sen reunións á vista da Mesa Negociadora polo absentismo da Patronal, a CIG continuou coa súa aposta pola necesidade da mobilización para gañar este convenio, polo que convocou en solitario o xoves 14 de maio folga nas máis de 2.500 empresas que están afectadas por esta negociación para o mércores 20 e o xoves 21 de maio. Ao dia seguinte, CCOO e UGT somábanse a esta convocatoria, porque ben saben que non lles quedaba outra. Apoio do Movemento pola Base á digna loita do Metal O Movemento pola Base quere amosar todo o seu apoio á loita que están a protagonizar os traballadores e traballadoras do Metal nas comarcas de Vigo e Pontevedra, somámonos ás súas xustas reivindicacións, pois non han ser os operarios e operarias quen paguen esta crise, e solidarízamonos nestes duros momentos coas súas mobilizacións e folgas. Máis información na web da CIG Para seguir de perto este conflito e o seu desenvolvemento, animámosvos a que visitedes a páxina web da CIG, onde atoparades novas, galerías gráficas e máis materiais sobre a negociación do Convenio do Metal.