14 de Maio: Folga pola Lingua no Ensino

A Mocidade pola Lingua é unha plataforma que de hai xa uns meses vén coordenando o labor de diversos grupos comarcais en defensa da plena normalización do noso idioma e o monolingüismo social. Para o vindeiro 14 de Maio convocan unha folga xeral no Ensino Medio, coa que pretenden levar de volta á rúa a reivindicación dun ensino na nosa lingua, baixo o lema "Na Galiza imos estudar en Galego". Sobre isto achegamos unha entrevista con María, unha das activistas da Mocidade Pola Lingua en Compostela.

De onde xorde esta convocatoria de folga?
O precedente de esta convocatoria foi o ano pasado por unhas datas similares, nas que o Foro da Mocidade de Vigo, convocou tamén unha mobilización polo galego no ensino. Xa este ano, decidiuse crear a Mocidade pola Lingua, na que nos reunimos en asembleas abertas tanto a nivel comarcal como nacional. A primeira convocatoria xurdiu polo inminente ataque à nosa lingua por parte de Galicia Bilingüe, ao que se viu que era necesario dar unha resposta unitaria e contundente. Pouco a pouco foise facendo traballo, sobre todo cara a mocidade que está agora nos liceos, polos que estamos indo a proxectar o documentario "Linguas Cruzadas", e facendo debates ao respecto. Tamén editamos algún material informativo que repartimos en puntos de información sobre o galego a pé de rúa.

Cales son as expectativas?
Estes días estamos a traballar a fondo para mobilizar á xente cara a greve do día 14. Estamos traballando liceo a liceo, facendo que os estudantes se impliquen para que a convocatoria poida ser polo menos significativa. Sabemos que dada a situación actual, na que a xente non se mobiliza apenas, e quere que lle dean todo feito, é complicado mobilizar aos estudantes, mais estamos poñendo esforzos para que poida saír o mellor posíbel. Tamén buscamos, mesmo con roldas de imprensa, que non sexa unha manifestación que non se fai sentir, senón que a xente saiba da nosa protesta e coñeza as razóns.
No día 14 ademais da greve, temos convocadas manifestacións. Ao longo da semana iremos preparando a mobilización con faixas nos liceos, volantinas... co obxectivo fundamental de que o propio estudantado se vaia organizando de maneira autónoma, facendo piquetes e mobilizando ás compañeiras e compañeiros.

Tedes xa máis traballo planificado?
Polo momento imos a seguir con as charlas e documentarios polos liceos, repartindo o material informativo e demais actividade actual. Tamén, se a manifestación sae ben, tentaremos que quede como unha convocatoria anual e que poida ir a máis. Por outra parte, iremos organizando outras actividades como concertos, ceas ou xogos que poidan achegar a mais xente. Estaremos na Festa do Dezassete que organiza a Gentalha do Pichel o sábado 16 na Alameda, e na mobilización do Día das Letras con a plataforma Galego, Sempre Máis. Actividade, de momento, non falta