Discurso de clausura de Fermín Paz na II Asemblea Nacional do Movemento pola Base

A continuación reproducimos á íntegra o discurso de clausura realizado polo compañeiro do Movemento pola Base, Fermín Paz, realizado o sábado 7 de febreiro no Hotel Congreso, en Teo.

 

Intervención na Fermín Paz na II Asemblea Nacional do Movemento pola Base

Grazas compañeiros/as:

Todas as organización pasan por diferentes acontecementos e cada un deles ten unha importancia relativa na intrahistoria.A nosa, o Movemento pola Base, cando ainda estaba nunha fase de consolidación tivo que afrontar unha situación interna dificil, que parecendo complexa podémola, debémola explicar sinxelamente, dando resposta á pregunta: por que e para que decidiramos constituirnos?

Imos ver cales foron as nosas analises, daquela:

 

En canto ao Bloque Nacionalista Galego:

Mantiñamos unhas conviciónsque non coincidian, nin coa liña política, nin coa acción mantida pola dirección, que levaron ao Bloque a unha crise irreversíbel en termos de transformación, fundamentando tal afirmación: na redución da acción política deseñada e practicada, a unha sinxela técnica de acordos de convenencia na superestrutura de mando para a xestión do BNG (entre a UPG – Quintanismo), dunha prática electoralista na focaxe da acción do goberno,principalmente no cogoberno da Xunta e que ambas as duas se retroalimentaban.

O poder, ou se queredes, a loita polo poder, que sempre ten manifestacións tanto interna coma externamente, ten que estar baseada na democracia participativa e na convición de que o nacionalismo popular ten uns destinatarios da súa acción política, os sectores populares ligados á produción e ao traballo, ás clases populares.

Así o entendimos no Movemento pola Base cando decidimos constituirnos en corrente interna do Bloque e de aí que non tiveramos interese algún, en instalarnos nunha executiva cun voceiro nacional ao fronte, que na sua praxe defende un modelo de sociedade que é asimilista e prosistema, que pouco a pouco ia ser mais difícil de contrapoñer ás outras opcións ideolóxicas e políticas. Paradoxicamente, o clientelismo alí onde o BNG ten responsabilidades non é unha anédocta no xeito de gobernar, nin de fornecer posicións na vida interna da organización, como tampouco o é unha militancia cada vez mais acrítica e mais localista. Xa que logo, o Bloque Nacionalista Galego, na fuxida cara adiante polo poder a calquera prezo, perde dia a dia a súa seña de identidade mais prezada: ser unha ferramenta de transformación e de emancipación.

O Bloque na actual configuración escomeza a sua andaina en Riazor e malia que algúns queren exercer o monopolio da historia do nacionalismo galego, non hai moitas posibilidades de deturpar o que alí aconteceu, aínda que nalgún caso se faga cunha interpretación que chega á ousadia de negar os acordos fundacionais. Quén teña memoria histórica non pode negar que o pluralismo, mellor dito o respecto a el, entre a familia nacionalista que se dera cita na cidade de A Coruña, era unha norma fundamental para a convivencia: a análise, as propostas, o debate, a síntese e a resolución democrática era unha lóxica de funcionar. Os consensos tiñan expresión na síntese e o respeto ás normas fundacionais. A dialéctica dos acontecementos desta derradeira Asemblea Nacional "Extraordinaria", supuxo unha manobra liquidacionista (pois en calquera norma fundacional, os trocos fanse cunha maioria cualificada), dirixida contra as correntes discrepantes ou contrarias ao Quintanismo e á UPG. Querian o poder delegado do conxunto da organización por necesidades coxunturais da superestrutura e algúns dixemos que por aí non pasabamos. É verdade que fai tempo que podian facelo por norma estatutaria, pero a necesidade de "gobernar" á organización e ao proxecto fixo necesario poñer en práctica o desexo dos "decididores", anunciado na derradeira asemblea ordinaria, que se resolveu cunha votación apretada e dende aquela, pese aos intentos, a resposta foi sempre negativa ao consenso, nun asunto de tanto calado para un sector moi importante da militancia.

A política actual, tanto na sua vertente interna coma externa (democracia interna-democracia representativa), tén amosado que canta máis delegación, máis desviación e iso ficou nidiamente expresado na argumentación dos votos negativos, porteriormente os temores víronse confirmados no actuar da dirección da organización, cada dia menos frontista e máis asimilada a un partido tradicional.

Nesta pequena historia da que estou a falar, tanto o "piñeirismo", coma o "autonomismo" foron xa analisados polo miudo e cando parecia que desas fontes non íamos beber, agora "duas tazas"; a mesa camilla de Piñeiro, foi mellorada por un despacho de San Caetano, praticada a miudo dende algún recuncho alaricano, ou en calquera outro, ao longo do País, e por se quedaran dúbidas, prefabricouse un discurso no goberno da organización, para reorientar a liña estratéxica co recurso sistemático á invocación do galeguismo autonomista ou do partido galeguista, indo mais alá dunha evocación histórica, situándose nunha teimosia electoralista pura e dura, na procura dos nichos de votantes a calquera prezo. O reclamo do Partido Galeguista do Século XXI explicita mellor que calquera outro lema a reformulación organizativa e política pactada polo Quintanismo e a UPG. E logo que fixo o nacionalismo contemporáneo ate aqui para formular estas teses?

Non vou ser eu quen defina o que facer no BNG nin no proceso eleitoral do 1º de marzal, pero teño claro que, se a dirección pasa de nós a mellor resposta cando alguen pasa de ti, xa sabedes cal debe ser, pasar deles.

En canto o traballo nas organizacións de masas, concretamente na CIG:

Hai tempo analizabamos que estamos diante de transformacións profundas dentro do sistema capitalista, e que a acción sindical da Central tiña que enfontar o que está a suceder no noso país como consecuencia da aplicación de medidas para a reorientación da política ecónomica e social nun contexto de neoliberalismo hexemónico.

 

O desenvolvemento económico e social quedou sacrificado por aceptar as receitas internacionais que impuxo o sistema dominante, o capitalismo.

 

A maioría das políticas están a favorecer a iniciativa privada que se ve apoiada constantemente tanto no fiscal como nos subsidios a súa actividade económica, tanto é asi, que o emprego e a sua calidade, convírtese nunha coartada para impoñer as súas condicións.

 

Mesmo en situación de medre da economía, o reparto da riqueza foi desequilibrado sempre para a clase traballadora. No caso galego, os condicionantes impostos polas políticas económicas ao servizo dun poder alleo estiveron a producir efectos de máis calado como: unha converxencia pasiva, (crecemento polo menor aumento da poboación), que é especialmente preocupante por varios factores, a perda de poboación (unida ao envellecemento da mesma), cunhas consecuencias sociais e económicas nefastas a medio/longo prazo, tanto en temos de produción como de protección social; que o emprego medrou pero descendeu a poboación activa e que a calidade do emprego (temporalidade + precariedade) non se corrixiu.

 

Pero nisto,  aqui en Galiza, chegou o Bipartito e os do Bloque mandaron parar as organizacións de masas tratando por todos os medios que o seu traballo fora exclusivamente acrítico e xustificativo da acción gubernativa.

 

Non só a decisión afectou a Nunca Máis, senón que pouco a pouco as contradicións chegaron a todas as organizacións con posibilidade de influenciar, é polo tanto na CIG e nas Comisións Labregas, ADEGA, xurdiron problemas.

 

Pouco faltou para que en Galiza, a CIG asinara un pacto social, fotocopia dos feitos noutras latitudes e que até daquela sempre foran rexeitados na Central Sindical sen ningunha dubida, pero agora tiñamos un elemento novo, o BNG estaba a gobernar, e este feito comezou a condicionar a dirección da CIG. No Movemento pola Base, daquela, dixemos non aos condicionantes, e desde a nosa claridade fumos quen de frear unha manobra de consecuencias imprevisíbeis para o Sindicato, malia a que alguns dirixentes cautivos dos decididores do Bloque, colaboraron xa sen argumentos en retardar a decisión final.

 

Este acontecemento, xunto a outras práticas no dia a dia da Central, supuxo unha confrontación que levou á ruptura de facto do grupo denominado maioría sindical.

 

Os debates internos foron poñendo de manifesto as diferencias. Asi algúns dirixentes da Central foron participes do plan para presentar o Movemento pola Base cun perfil exclusivo de sindicalistas na confrontación de ideas que ia ter lugar no BNG. Negaron e opacaron o debate real do que aconteceu na CIG, renunciaron á autonomia da Central, e mesmo amosaron como entenden eles o pluralismo.

 

Falar hoxe doutra politica económica non abonda, falar de máis autogoberno é puro marketing, a loita ten que ser plantexada contra o neoliberalismo en todas as súas expresións (crise provocada, desemprego, precariedade, dependencia enérxetica e alimentar, destrución ou afectación dos recursos naturais, redución do benestar, desigualdade social, pobreza, etc.). Os causantes globalizan a desfeita e a parcializan para a súa presentación, para illar o conflito.

 

Dixemos daquela: “cómpre artellar unha resistencia política e sindical, a nivel nacional, contra todos estes efectos da crise que respecte ás bases políticas, sindicais e do conxunto do movemento social, que teña masa crítica, identidade e alternativas”.

 

A continuación dixemos: “a situación esixe a necesidade de que os galegos/as decidamos por nós mesmos, comezando por esixir o noso dereito de autodeterminación. Goberne quen goberne, obríganos e máis coa que está caendo a afortalar un sindicalismo combatente; goberne quen goberne, a nosa acción sindical define e concreta a loita contra o sistema hexemónico que continúa a ter como obxectivos: a loita contra a perda de poder adquisitivo dos salarios, o incremento da explotación e da superexplotación, e a loita contra a extensión da precarización e a rebaixa da proteción social.

Para nós, para o Movemento pola Base, actuar sempre en Galiza na dinámica sindical esixe ir máis ala que un reparto de postos nunha executiva, nas liberacións, esixe mirar máis ala do persoal, esixe a denuncia do poder politico nas súas distintas facianas que vaian contra a nosa clase, esixe poñer ao descuberto a alianza de clases de calquera estructura sindical, esixe, en definitiva, pular por construir e praticar un sindicalismo ao servizo da clase traballadora e da Galiza, sen servidumes. Por isto e só por isto, nin antes nin agora, podemos deixarnos engaiolar por chamamentos á unidade que na prática supoñen subordinación. Unidade si, pero non a calquera prezo.

 

Máis alá do traballo no BNG e nas organizacións de masas: no MpB, sempre concretamos que desde a nosa analise non entendiamos con exclusividade o nacionalismo, nin Galiza versus Bloque, polo tanto atendendo e entendendo os procesos de xeito dialéctico, a historia do nacionalismo popular, malia aos acontecementos que estamos a sofrer, afirmamos, tivo e terá outras coxunturas. Por iso non dubidamos en iniciar exploración e conversas con quen quixera construir un poder popular, convencidos que máis tarde ou cedo teriamos que ir de novo a algún "Riazor" . De novo, para min, ten máis dun sigñificado, non será outra vez para facer o mesmo; con quen teña falado estes derradeiros meses debe ter apreciado a miña insistencia neste concepto, porque o novo do que estou a falar, ten que ser con homes e mulleres que deixen a un lado todas as vellas práticas de militancia seguidista e acritica, toda a vella ortodoxia da organización vertical, toda a rancia mística dun discurso a sociedade contrario a vida interna da organización, todo afastamento dos principios por un electoralismo cuxo obxectivo é instalarse no poder da organización e no goberno do país.

 

Estou seguro de que a nova alternativa é posíbel a partires dun compañeirismo real. Sabemos que hai xente que no Bloque tamén pensan asi, e teñen medo a falar destas cousas, a enfrontarse a quen decide. Nós aprendimos que para superar ese medo, primeiramente, hai que asumir que podemos errar, tanto individualmente como colectivamente. Hai que superar o democratismo falso, construido sobre a formulación: perder nunha votación logo dun debate, unha elección ou varias é perder a razón, pois senón habería que renunciar ao obxectivo de Galiza-Nazón-Autodeterminación, porque esa leria é e será, a clave española da "maioria" e da "legalidade".

 

Pois se estas analises seguen a ser válidas non acerto a comprender os acontecementos no Movemento pola Base. Se estas continúan a ser as ideas forza, quen pode explicar dun xeito fundamentado o abandono dalguns militantes da nosa organización e o seu papelón, abandeirando unha posición liquidacionista do MpB? As preguntas que eu me fixen para resolver esta encrucillada foron: como poden xustificar a colaboura coa liña politica da dirección do BNG desde un discurso critico no formal é un entreguismo práctico ; como se pode pasar dunha ruptura na maioría sindical a refuxiarse nun unitarismo sen máis contidos que a protección do status persoal; como se pode ser colaborador de quenes nos queren destruir, logo de ter un discurso protector no interior do MpB para coa nosa militancia, e mesmo deixar sen protección e abandonados a súa sorte nas organizacións nacionalistas, aos compañeiros/as do MpB, mentras calan, cando no avalan, as tropelías da maioría politica e sindical; e quen pode dicer sen poñerse vermello, que agora non está dacordo con comenzar as exploracións e conversas mesmo fora do BNG para construir unha nova alternativa con outras organizacións nacionalistas, cando hai pouco tempo era o máximo defensor?

Compañeiros/as, Amigos/as:

Vou rematando pero antes quero denunciar desde esta tribuna aos que deixaron tirada a Ana Lois Navaza, a compañeira coa que comparto vida, e que antes de sermos compañeiros, cada un de nos xa tiñamos a nosa historia na militancia nacionalista. Ana, funcionaria do Concello de Dozón que leva sufrindo un acoso laboral dende máis de 9 anos por ser do Bloque (segundo se acredita unha vez mais na sentenza 00434/2008, do procedemento abreviado 19/06, do Xulgado do Penal nº 3 de Pontevedra, do 28 de outubro de 2008) e agora na declaración de Incapacidade para o seu posto de traballo que acadou por oposición; unha militante do BNG que se xogou o seu posto de traballo e a súa saúde polo BNG, e os que a deixaron tirada, aviso a navegantes, consistiu en estender medias verdades, cando non difamacións (as miñas diverxencias politicas estaban baseadas, segundo eles, porque eu estaba “enconado” con Ana e/ou tamén o contrario), fornecidas por persoas cualificadas na estrutura da dirección dalgunhas organizacións nacionalistas, para tratar de xustificar dito abandono; por iso sempre que podo estou obrigado a denunciar a cobardia e o cainismo de quen foron quen de misturar intencionadamente, discrepancias políticas coas nosas relacións personais.

Agora xa si remato, non sen antes reafirmar a miña aposta polas tarefas e resolucións aprobadas no dia de hoxe na Asemblea nacional do Movemento pola Base, dicíndovos que pese ás miñas restricións ou limitacións físicas quero seguir traballando por Galiza, iso si, convencido que non se trata de facer o que se pode, nin facer o que se quere, senón de facer o que debemos dende as nosas convicións políticas.

Animo e adiante!