A CIG que Galiza precisa
Desde o MpB, sempre entendemos que o noso traballo nas organizacións sociais e mesmo de masas, non debe ter nen como obxectivo único nen final o de nutrir a organización política de militancia, nen o de empregar estas como ferramentas estratéxicas para levar á fin as bases programáticas ou ideas teorizadas sobre o modelo social defendido, máis á contra, a auto-organización da sociedade galega é en si mesma a fin: a auto-criazón dunha estrutura múltipla e diversa desde a que transformar a sociedade através da defensa organizada dos diferentes intereses da nosa Clase para a construción dun novo modelo político-social máis xusto e humano ( o socialismo ). Percebemos que o actual modelo social só beneficia ao Capital e aos seus intereses, reduce o ser humano a un papel actuante secundario, limitándoo e eliminándoo de facto como persoa social. O Nacionalismo Galego careceu historicamente de calquera perspectiva que non fose a clásica concepción das organizacións sociais e de masas como parte de un "proxecto común", mais que na práctica eran puras ferramentas da organización política, criadas por esta e eliminadas por esta cando deixaban de ser útiles ou supuñan un risco para a súa estratexia. Esa concepción da organización política como a orixe e a fin de todo, supuxo unha práctica autofagocitaria do Nacionalismo Galego. Trouxo como resultado esa concepción, a propria negación da dialéctica defendida en centos de textos de debate, a aniquilación de todo "desviacionismo" desa única estratexia, a da organización política, estratexia que debía ser asumida, si ou si, polas diferentes organizacións sociais, aínda vivendo estas diferentes casuísticas, que máis ben requerían perspectivas de analise e actuacións diferentes. Así pois, non cabe o debate real, non se posibilita a posta en común de diversos camiños cunha mesma fin, senón que o camiño só pode ser un, o trazado pola organización política en cuestión, e quen non o transite debe ser considerado inimigo da causa. O sectarismo é en boca cristiá o pan noso de cada día, a raiba, a impotencia son os nosos proprios e piores inimigos. Esa concepción nuclear da organización política foi determinante para o continuo desmembramento do Nacionalismo Galego, para a súa constante febleza, para o seu incesante desgaste. Este desangramento continuo provocou o desespero da dirección das organizacións políticas nacionalistas, recente e nomeadamente a do BNG, e a súa aproximación a posicións posibilistas a curto e medio prazo que pasaban indubidabelmente por renuncias históricas enfeitadas coa sempre presente "cuestión estratéxica".Renunciouse á defensa das Clases Populares da Galiza sob un vello e mal percebido termo: "alianza de clases". Preténdese vestir de transformador a entrega ao capital, a posibilidade de explotación dos recursos nacionais coa excusa da construción dun País chamado Galiza, como se este fose incapaz de existir sen a súa burguesía e o seu capital "autóctono"!! Eis un verdadeiro argumento revolucionario. Máis aínda, por se isto fose pouco, renúnciase á Soberanía Nacional, baixo o pretexto dunha outra estratexia identitaria. A propria organización política, o BNG, xa inmersa nesa fuxida cara adiante, nesa fase de renuncia global, de sometemento aos poderes económicos actuantes na Galiza, de aferramento suicida ao "poder" institucional, mostra a súa incompatibilidade coas organizacións sociais e de Clase da Galiza. A defensa dos pretendidos "sectores produtivos de Galiza" pasa pola súa privatización e colide cos intereses da Clase Operaria Galega, dos Labregos e dos Mariñeiros, dos Movementos Sociais, do tecido asociativo.......A súa renuncia á Soberanía Nacional, aínda vestida de estratéxica, colide coa defesa da nosa Lingua, dos nosos costumes, do noso proprio ser. A estratexia redúcese unicamente á manutención do "poder institucional" a todo custo. É por iso que se comeza unha fase de control do escaso tecido social organizado polo Nacionalismo Galego: asociacións culturais, lingüísticas, ecoloxistas.... O Sindicato Labrego Galego e o que neste caso nos ocupa, a CIG. Nalgúns casos o desembarco levou ao control e portanto á volta das organizacións ao servizo do núcleo, non xa da organización política como tal, senón da "organización no goberno". Noutros casos o fracaso na toma das "ferramentas sociais", conduce a unha vía de acoso e derrube como é o caso do SLG, que non ha tardar en ser acusado de desviacionismo, falta de lealdade, etc..no sentido da concepción do proxecto político antes explicada. Neste contexto, ninguén ignora que a CIG é a maior organización da Clase Operaria da Galiza, coa potencialidade precisa para servir á transformación social na nosa Nación. É por iso, que o control da maior ferramenta comezou a ser unha prioridade acuciante para a "organización no goberno", máis aínda logo do fracaso da tentativa de asalto ao SLG. É dentro deste proceso e a estas alturas que se nos apresenta no comezo do ano 2009, o Congreso Confederal da CIG, e con el está en xogo a supervivencia da Central Sindical como obxecto de Libertación Nacional e Social en si mesmo. Hai xa algúns anos que comezaron as contradicións na CIG entre quen a percebe coma unha ferramenta máis ao servizo do BNG, ao servizo da chegada ao "poder institucional", e @s que percebemos que debe ser a Central Sindical un proxecto de transformación Social e Nacional con voz propria e estratexias proprias. As contradicións foron medrando proporcionalmente ao aumento da cota de poder instutucional do BNG, primeiro nos concellos, logo no goberno da Xunta. Desde a "organización no goberno", tentouse que a CIG non cumprise o seu papel se de aí derivaba un prexuízo para o BNG no goberno e mesmo empregalo estratexicamente para os intereses eleitorais do BNG, sacrificando se for preciso o proprio proxecto CIG. Tamén medraron proporcionalmente nos últimos anos aquelas comarcas nas que as maiorías non se sustentan en persoas entregadas a esa concepción nuclear do BNG. Buliron pois dentro da CIG, as persoas ao servizo do BNG no goberno, a tentar eliminar ese desviacionismo da súa concepción clásica. Non se pode permitir que a CIG sexa un elemento contrario ao BNG no goberno, e sen dúbida son conscientes de que o exercicio da defensa dos intereses da Clase Traballadora Galega ha conducir a iso, pois son intereses a cada volta mas antagónicos. Por outra banda, outr@s, non renunciamos a un proxecto non apreixado desde o poder. A situación voltouse máis tensa a cada intre. É nesta situación, de forte contradición, cando determinados integrantes do MpB, "casualmente" as persoas que pertencen á Executiva Confederal da CIG , e algunhas outras que tamén "casualmente" dependen contractualmente das Secretarias Confederais que son responsabilidade destes, protagonizan un novo episodio de vergoña na historia do nacionalismo galego. Á fin, no desenvolvemento prático desa contradición ( xa fican lonxe os tratados e os libros e as batalliñas nunca documentadas) é cando cada quen amosa o que realmente é e representa. Cando a "organización no poder" mostra os dentes, con ávidos anceios de exterminar contradicións na Central Sindical, é cando a covardía política ou o mantemento dun estatus burocrático, leva os inmortais seres de dilatadas traxectorias, os gurús da estratexia, a, de novo, sob outra volta a manida coartada estratéxica do condicionar desde dentro, actuar coma quen nunhas semanas antes criticaban, servindo á "organización no goberno" para tentar destruir aquilo que defendían, actuando con máis sectarismo, con máis instrumentalización da Central, con métodos máis miserábeis se cabe, que os que unhas semanas antes eran contrincantes. É por iso que a Mesa Nacional do MpB se viu na obriga de proceder a expulsar da organización estas persoas que actuaban en defensa dos intereses do BNG no goberno, e dos seus intereses persoais, no canto de actuar consonte o decidido polos organismos do MpB. É certo que na teoría é sinxelo cadrar, máis a práctica, o confronto co poder, pon a cada quen no seu sitio. Mais a esas persoas, ao contrario que ao Glorioso Comandante, a historia non os ha absolver por estes feitos. A covardía adoita empregar sutís disfarces, o medo fornece múltiplas coartadas, mais á fin un non escapa de si mesmo, nen da historia, que sempre nos atrapa. É mellor non querer ver o que pasa? Cubrilo dun ridículo falso actuar diante da realidade? Paga a pena marcharmos das mesas do Pacto Social, para pactar un silencio cúmplice coa "organización no goberno" e os intereses económicos que defende? Paga a pena pensarmos que por realizar patéticos actos simbólicos contra o goberno da Xunta, non se está a renunciar á nosa obriga de responder as medidas que prexudican os intereses da Clase que defendemos? É esa xustificacion de abondo para lavar a conciencia? Moitos cremos que non, e é por iso polo que imos seguir a apostar desde o MpB, porque a CIG sexa o garante da defensa dos intereses da Clase Traballadora da Galiza, goberne quen goberne, coa voz propria que a confianza da nosa Clase lle outorgou. Unha Central Sindical plural e democrática, onde o debate non sexa un estéril redil de palabras. Un sindicato participativo e combativo, sempre, sexa quen sexa a quen haxa que combater. A CIG non é patrimonio de ninguén en exclusiva, nen dos liberados nen dos integrantes dos organismos, é patrimonio da Clase Operaria Galega. Acreditamos pois, en que o modelo sindical da CIG deve ser aquel que conserve como esenciais princípios TEÓRICOS e PRÁTICOS os seguintes: 1- A INDEPENDENCIA SINDICAL COMO GARANTE DA DEFENSA DOS PRESUPOSTOS IDEOLÓXICOS DA CIG, SEN CONTROL DA SOBERANÍA DECISORIA DA CENTRAL SINDICAL POR PARTE DE NENGUNHA ORGANIZACIÓN PARTIDISTA. ISTO NON SIGNIFICA NEN MOITO MENOS QUE A CENTRAL SINDICAL NON TEÑA QUE XOGAR UN PAPEL "POLÍTICO", SENÓN AO CONTRARIO, ENTENDEMOS QUE A CIG TEN DE SER PARTE FUNDAMENTAL NA CRIAZÓN DA CONSCIENCIA NACIONAL E DE CLASE NA NOSA NACIÓN E POLO TANTO UN IMPORTANTE MOTOR DA TRANSFORMACIÓN DA NOSA SOCIEDADE, SENDO XA QUE LOGO UN ELEMENTO CHAVE NA CONSTRUCIÓN NACIONAL E NA CONSTRUCIÓN DO SOCIALISMO NA GALIZA. CÓMPRE XOGAR O PAPEL POLÍTICO DECIDIDO POLA PROPRIA ORGANIZACIÓN NOS SEUS PRINCIPIOS IDEOLÓXICOS, EVITANDO ASUMIR A PRIORI OS ROLES DOUTRAS ORGANIZACIÓNS. ENTENDEMOS FUNDAMENTAL O PLURALISMO COMO EXERCICIO DIALÉCTICO PRECISO PARA O ACCIONAR ESTRATÉXICO E COMÚN DA DIRECCIÓN POLÍTICA DA CENTRAL. ENTENDEMOS POIS QUE HAI QUE FUXIR DO SECTARISMO, QUE É EN SI MESMO A PROPRIA NEGACIÓN DE CALQUERA POSÍBEL SÍNTESE POLÍTICO-SINDICAL. 2- UN SINDICALISMO COMBATIVO, PARTICIPATIVO E NON PACTISTA. ( NON AO PACTO SOCIAL EN CALQUERA DAS SÚAS FORMAS ). A CIG TEN DE SEGUIR A SER O REFERENTE DO SINDICALISMO QUE NON SE VENDE E QUE É IMPLACÁBEL CO EMPRESARIADO SEXA DA NACIÓN QUE SEXA. 3- SER O SINDICALISMO DO MUNDO "LABORAL ACTUAL REAL", QUE COMBATA A PRECARIEDADE, MAIS AGRAVADA NOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS QUE DESENVOLVEN AS SUAS TAREFAS EN EMPRESAS MEDIANAS E PEQUENAS, CON ESPECIAL ATENCIÓN ÀS PROBLEMÁTICAS ENGADIDAS DA MOCIDADE E DAS MULLERES, FUXINDO DO SINDICALISMO “RANCIO” QUE XIRA CASE NA SUA TOTALIDADE ARREDOR DA GRANDE EMPRESA, TANTO A NÍVEL DE ATENCIÓN COMO DE DIRECCIÓN POLÍTICO-SINDICAL DA CENTRAL. 4- TER UN POSICIONAMENTO CLARO SOBRE O PAPEL DE CONTRA-PODER QUE XOGA A FUNDACIÓN PARA A FORMACIÓN ( FORGA ) NA CENTRAL SINDICAL E QUE É EMPREGADA COMO FERRAMENTA DE CONTROL DA MAIORÍA DA DIRECCIÓN SINDICAL E DE “MERCADEO DE CURSIÑOS” DE CARA A VENDER E GAÑAR FAVORES. É FUNDAMENTAL O CONTROL REAL DE FORGA POR PARTE DAS ESTRUTURAS COMARCAIS E NACIONAIS DA CIG. 5- UNHA CENTRAL SINDICAL QUE FUXA DO ACTUAL PROCESO DE CENTRALIZACIÓN CASE ABSOLUTO DO PODER DE DECISIÓN EN MANS DUNHA PARTE DAS PERSOAS QUE CONFORMAN A EXECUTIVA E O SECRETARIADO CONFEDERAL E QUE FUNCIONAN COMO GRUPOS DE PODER CONFORMADOS POR "PROFISIONAIS DO SINDICALISMO". CÓMPRE UNHA "DESPROFISIONALIZACIÓN" DA CENTRAL SINDICAL EN TODAS AS SÚAS ESTRUTURAS. ESA CONCEPCIÓN DE QUE O SINDICATO, OS SEUS LOCAIS E OS SEUS RECURSOS SON PATRIMONIO D@S LIBERAD@S E ESTES DEBEN DEFENDER O SEU POSTO DE TRABALLO, PROVOCA NA PRÁCTICA UN XEITO DE FUNCIONAR MÁIS PROPRIO DOS LOBBIES QUE DUNHA ORGANIZACIÓN DA CLASE OBREIRA GALEGA. @S LIBERAD@S DEBEN PROVIR FUNDAMENTALMENTE DAS EMPRESAS ATRAVÉS DE EXCEDENCIAS E POR SUPOSTO DEBEN TER EXPERIENCIA LABORAL REAL, É DICIR, TER EXPERIMENTADO O QUE É SER EXPLOTAD@S E COMO FUNCIONA REALMENTE O MUNDO LABORAL. DÉBENSE ESTABELECER MECANISMOS PARA A LIMITACIÓN DE MANDATOS ( PÓDESE TRABALLAR SINDICALMENTE CON DISTINTOS NÍVEIS DE RESPONSABILIDADES, SEN QUE SEXA NENGÚN DEMERITO PERSOAL,( TAL E COMO É ENTENDIDO AGORA POR DEMASIAD@S COMPAÑEIR@S ), PARA MUDAR A SITUACIÓN, É EVIDENTE QUE AS CARACTERÍSTICAS D@S LIBERAD@S DEBEN SER AS ANTERIORMENTE EXPRESADAS, PARA QUE NON SE DEA O CASO DE QUE ESTES ENTENDAN QUE O SEU FUTURO SÓ PASA POR QUE O SEU SUSTENTO PROVEÑA DO SEU TRABALLO NA CIG. É por iso que desde o MpB imos promover e artellar listas alternativas a todos os organismos da Central Sindical para evitar esa tentativa de control da CIG por parte de BNG. Percebemos que a imensa maioria actual e potencial da base da CIG compartilla esta idea, que non pretendemos facer nosa en exclusiva, senón compartillala con tod@s @s afiliad@s e grupos ou correntes que conviven no seo da Central que concorden cos presupostos acima citados e polo tanto perceban a importancia que esta batalla ten para a sobrevivencia da CIG tal e como a Clase Operaria Galega precisa. Galiza, xaneiro de 2009.