O Movemento pola Base celebrará en Compostela o 7 de febreiro a súa Asemblea Nacional Ordinaria

Nesta asemblea vorarase a actual situación política e social internacional galega, asi como se analizarán e adoptarán as liñas de actuación que o Movemento pola Base levará adiante, tanto no seo do Bloque Nacionalista Galego como na CIG para os próximos meses

Fermín Paz, e os membros do Consello Nacional do BNG do Movemento pola Base, Miguel Anxo Abraira, Zélia Garcia e Roi Ribeira, participaron este venres 2 de xaneiro dunha rolda de prensa na Libraria Couceiro de Compostela para presentar publicamente a súa Asemblea Nacional Ordinaria.

Miguel Anxo Abraira informou da convocatoria desta asemblea para o 7 de febreiro na cidade de Compostela, e explicou como “despois de todo un proceso, desde que nos presentaramos na Asemblea Nacional do BNG, agora teremos este encontro no que analizaremos cuestións como a crise económica e financeira, debateremos as nosas propostas e alternativas contra o neoliberalismo, e como esta crise está a afectar ao noso país. Tamén falaremos sobre a actual situación política e social galega, onde discutiremos e aprobaremos as liñas de actuación que desenvolveremos no seo do BNG e da CIG”.

Encontro para afondar na mellora do MpB

Abraira subliñou que “neste encontro aberto a simpatizantes e militantes, renovaranse os organismos, e o MpB continuará a traballar para que o noso colectivo poda incidir con maior efectividade na política galega, e afondaremos na mellora da nosa organización”.

O membro do Consello Nacional do BNG Miguel Anxo Abraira manifestou que “a participación no seo do BNG sempre foi leal, que se presentaron documentos, emendas e déronse debates nos organismos nos que participamos, como o Consello Nacional, e aínda asi ficamos excluidos das listas, polo que esa maioría que non nos ten en conta debería preguntarse que concepción do pluralismo ten e que é o que pratica”.

Fermín Paz sinalou que “o MpB quere ser unha ferrramenta de transformación e emancipación para este país, polo que non defenderemos un modelo de sociedade que é asimilista e prosistema; queremos afastarnos do clientelismo político, do localismo e do acriticismo, asi como recuperar para a política os valores do humanismo e da ética, que se respeite o pluralismo, polo que construiremos alternativas conxuntamente cos que se moven no tecido social galego”.

Sobre a cuestión da crise, que será un dos temas a tratar na asemblea nacional de febreiro do MpB, Fermín Paz adiantou que “as economias son cada vez menos nacionais, polo que se perde a posibilidade de control sobre o propio benestar, xa que a gobernación depende de vontades alleas e os dereitos nacionais son negados ou violentados”. Ademais “do paro coxuntural pasouse ao de longa duración, co fenómeno asociado da precariedade, que é o núcleo para a apropiación do excedente da forza do traballo. Todas as repercusións que está a ter a crise para a clase traballadora demostra até que punto sofren esta crise os que non a produciron”, engadiu.

Fermín Paz enlazou estes feitos co “incumprimento sistemática das promesas e programas electorais  que se intercambian no poder”, e denunciou que “as campañas electorais se convertiron en puro márketing e nunha liorta comercial para lexitimar este sistema”.

“É posíbel facer outras políticas”

Diante desta situación, Fermín Paz afirma que “é posíbel facer outras políticas e hai que falar disto,  máis alá das práticas organizativas envolventes que están no poleiro ou de criar inimigos internos ou externos. Hai que fuxir do endeusamento dos gobernantes, da verticalización das organizacións, do achegamento ao sistema, de non escoitar á militancia e á xente, e da acomodación ao que é posíbel. Temos que erguer este proxecto político, baseado en que Galiza é unha nazón, a defensa da república e a loita contra o neoliberalismo”.

Avaliación sobre o concurso eólico

En resposta aos medios da valoración do MpB sobre o concurso eólico, Fermín Paz declarou que “Galiza continúa a producir excedente de enerxía, polo que este aumento na produción de enerxía eólica non responde aos nosos intereses, senón que irá encamiñada a levar enerxia a Madrid, País Vasco e Valencia, que son as zonas máis deficitarias. Estamos nun Estado que ten tarifa única, e non nos vemos beneficiados de ningún xeito con esa produción de excedente en enerxía, polo que para nós o debate vai máis alá do procedemento que utilizaba o PP ou o bipartito. Queremos profundizar sobre este tema na nosa asemblea nacional, sobre as políticas enerxéticas do goberno, porque non pode ser que continuemos a ser un territorio alugado para empresas que producen enerxía que non se consume neste país. Se se nos pregunta se os do BNG na xestión deste caso o fan mellor que os do PP diremos que si, pero iso non significan que o estean a facer ben”.