Prezo digno do leite para os gandeiros xa! Polo dereito a vivir no rural galego
Desde o nacimento do Sindicato Labrego Galego, a reivindicación dunhas condicións dignas para os gandeiros e productores de leite foi un dos peares da sua loita sindical. Parece incríbel que tantos anos despois, no 2008, a realidade amose o empeoramento das condicións que nestes últimos anos están a sofrer quenes traballan e viven no rural galego. O enorme incremento dos custes de producción (pensos, fertilizantes, gasóleo, seguridade social,...) veu-se acompañado dunha descida nos prezos de venda do leite ás indústrias, o cal está a provocar o endevedamento e ruina de quenes ainda resisten como productores.
Desde o Movemento pola Base non podemos entender como desde a Consellaria do Medio Rural non se atenden as máis que xustas demandas do SLG da necesidade dun contrato homologado cun prezo mínimo establecido legalmente, e se opta por unha actuación de cara aos médios de comunicación de anunciar un contrato homologado sen contido e sen prezos mínimos, máxime cando este contrato nega a capacidade de negociación colectiva dos labregos agrupados en cooperativas e pode ser modificado ne calquer momento polas empresas. Parece que a Consellaria renúncia a regular o mercado do leite, debe ser que ainda cren no neoliberalismo, agora que até o Presidente da Patronal reclama a intervención do Estado na economia. Se o mercado carece de regulación, quen vai mandar nel vai ser o máis forte, neste caso a gran distribución e a gran indústria, e quen vai padecer vai ser o productor e o consumidor, sendo as partes máis numerosas do mercado do leite. O rural deste País está a sofrer unha situación de acoso desde hai máis de 20 anos por parte dos que deseñan a economia en Europa, e parece que só lles vale un futuro no cal non existan labregos e gandeiros, supoñemos que para instalar parques eólicos, minicentrais, plantar eucaliptos, actividades turísticas e todo tipo de actividades económicas destructivas co entorno e cos modos de vida tradicionais galegos. Se queremos un rural vivo, este comeza por poder permitir a quen traballa e vive nel manter unhas condicións económicas dignas. Alfredo Suárez Canal ten que atender ás xustas demandas do SLG : Non hai contrato homologado sen prezo mínimo establecido legalmente, capacidade de negociación colectiva dos labregos e garantias de estabilidade do mesmo. Non hai acordo válido no sector sen a sinatura do SLG, o único sindicato agrário que é garantia para os labregos e labregas galegas.