O MpB non participará na "Asemblea Nacional Extraordinaria" do BNG

O Movemento pola Base anunciou publicamente o pasado sábado 13 de setembro (unha vez aprobado o regulamento pola maioría do Consello Nacional) que non participará nesta "Asemblea Nacional Extraordinaria", por entender que se está a limitar a participación da maioría da militancia, que verá negada a súa voz en favor da da corrente maioritaria. Ademais, esta asemblea carecerá de debate político real sobre a xestión do BNG na Xunta e as propostas para a próxima lexislatura, ao presentarse un documento ao que a militancia non pode facer aportacións, nin tan sequera a que pase o filtro da elección de delegados.

Finalmente, a actual maioría que ocupa a dirección do BNG decidiu prescindir da militancia individual no BNG en favor da colectiva, tentando con isto reducir á mínima expresión as voces críticas coa súa xestión, especialmente no relativo ao papel xogado no cogoverno autonómico, moi cuestionado por sectores da base social do nacionalismo.

O modelo de delegación, particularmente baixo o regulamento aprobado, limita enormemente as posibilidades de participación das minorías. Os sectores máis afectados non van ser só as correntes actualmente minoritarias como a nosa, que así e todo poderían ter capacidade de articular candidaturas e ter presenza propia na Asemblea. Principalmente, os maiores afectados van ser as e os militantes independentes, que necesariamente deberán unirse ás correntes, partidos ou colectivos organizados se queren ter algunha posibilidade de que a súa voz chegue a ser escoitada polo resto de compañeiros e compañeiras do BNG. Nas principais comarcas, será precisa unha cifra de entre 40 e 50 militantes como mínimo para poder optar a desputar a elección de delegados, algo que pode estar ao alcance das correntes (sobre todo das maioritarias), mais nunca da militancia non organizada.

Desde o Movemento pola Base rexeitamos este procedemento que homologa o BNG às forzas políticas convencionais, e pedimos que o BNG retorne a un modelo de participación democrática que poña en valor o papel da militancia e recoñeza o dereito de todas as opinións (tamén as minoritarias) a ser tidas en conta no seu da Fronte Patriótica.