En defensa do asemblearismo no BNG
Do mesmo xeito que hai xa mais de dous anos -na primeira aparición pública do noso colectivo cando por vez primeira a dirección do BNG anunciou a posibilidade de restrinxir a participación nas Asembleas Nacionais aos delegados e delegadas- o MpB saiu publicamente de novo en rolda de prensa para defender o asemblearismo frente as propostas que desde a actual maioría da Executiva Nacional pretenden liquidalo definitivamente.
O MpB defende que a Asemblea Nacional na que se escolla a persoa candidata á presidencia da Xunta sexa plenamente participativa, é dicer, que en base ao principio de "un/ha militante, un voto" todo o mundo poda participar dunha decisión tan importante como esta, ao igual que nun debate no que se avalíe a xestión realizada polo nacionalismo no governo da Xunta nestes anos, que está a ser cuestionada por boa parte da nosa base social.
Isto foi o que finalmente defendemos na reunión do Consello Nacional, onde ademais tamén se criticou o regulamento para a elección de delegadas/os, que impide a participación da maioría da militancia, particularmente aquela non encadrada en partidos ou colectivos, cuxa voz quedará diluída frente á das principais correntes organizadas, particularmente a do oficialismo. Desde o MpB, tampouco comprendemos as presas no calendario finalmente aprobado, pois unha vez descartado o adianto eleitoral tería sido mais lóxico seguir uns prazos mais relaxados que favorecesen a participación e un debate amplo e sosegado.
O Movemento pola Base está a debater durante estes días nas suas Asembleas de Zona cal será a súa postura ante esta Asemblea Nacional extraordinaria, que se fará pública nos próximos días á militancia e base social do nacionalismo galego.