O Movemento pola Base no Día da Patria

O Movemento pola Base saiu á rúa de novo no 25 de Xullo, Día da Patria Galega, para difundir entre a base social nacionalista as súas propostas políticas e presentarse como alternativa ante a deriva ideolóxica da dirección do BNG. Unha alternativa independentista e ao servizo da clase traballadora, que poña aos sectores oprimidos e explotados da nosa sociedade no centro da súa acción política. Unha alternativa que traballe consecuentemente, cos pes na terra mais co horizonte claro, pola ruptura do marco constitucional español que nos nega como pobo e que aspire á construción dun novo modelo socio-económico ao servizo das maiorías.

Así, o MpB conformou un nutrido bloque na manifestación nacional convocada polo BNG o pasado 25 de Xullo, con dúas faixas e numerosas bandeiras vermellas e da patria. A primeira faixa, co lema "independencia e socialismo", sintetiza os nosos obxectivos estratéxicos, que entendemos non poden estar ausentes nunha data de reivindicación e loita coma esta. A outra, co lema "por un nacionalismo revolucionario" deixa clara a nosa aposta por un movemento nacionalista que cuestione e aspire a transformar o marco social e nacional no que vivemos, e non se limite só a xestionalo.