A CIG convoca manifes en todas as comarcas este Primeiro de Maio

Baixo os lemas “ Emprego e salários dignos. Non ao pacto social” e “O déficit público que o pague o capital. Reforma fiscal xa!”
A CIG convocará para o Primeiro de Maio, ‘Dia do Internacionalismo Proletário’ manifestacións en todas as comarcas baixo os lemas “Emprego e salários dignos. Non ao pacto social” e “O déficit público que o pague o capital. Reforma fiscal xa!”. A manifestación central, como en anos anteriores, terá lugar en Vigo, con saida do Cruce da Doblada ás 12:ooh. O Secretário Xeral da CIG, Suso Seixo, explicou, na rolda de prensa de presentación da campaña do Primeiro de Maio, que a central sindical entende que os dous grandes problemas que ten a clase traballadora, como consecuéncia da crise económica, son o emprego e os salários. O emprego, pola grave perda de postos de traballo que se vén producindo neste último período e os salários, porque é imprescindíbel recuperar o poder adquisitivo da clase traballadora para aumentar a capacidade de consumo e reactivar a economia.

Asi, lamentou que lonxe de aplicar medidas dirixidas a solucionar estes problemas “as outras organizacións sindicais dedican-se a fomentar a idea de que a través do Pacto Social e desas Mesas de Diálogo Social que teñen constituídas en Madrid se poden articular alternativas á crise, no canto de combater as causas que a provocaron”. E denunciou a idea “fondamente equivocada” que se está transmitindo, ao facer-lle crer á poboación que a solución para sair da crise está no mercado laboral e na reforma dese mercado, “cando non foi nen a sua rixidez nen os altos salários os que a provocaron, senón a economia especulativa e mesmo a política de moderación salarial que se seguiu nos últimos anos, que provocou unha caída do consumo ou en moitos casos o endebedamento masivo da poboación para poder consumir”.

Respecto do déficit, Suso Seixo afirmou que, efectivamente, a recesión económica está a xerar un déficit público importante. Mália isto, especificou que a CIG entende que “non é o déficit público quen nos levou á recesión”. Por iso a central sindical aposta por combater as suas causas e, en nengún caso reducir o gasto social, como están facendo os distintos gobernos. “Cremos que hai que incrementar o gasto público para reactivar a economia e que para combater o déficit público hai que pór en marcha unha reforma fiscal, incrementando os impostos directos sobre as rendas do capital e sobre as grandes fortunas. Sobre aqueles que teñen recursos que poden aportar ao estado para que este os utilice para fomentar a economia produtiva fronte á especulativa que foi a que se fomentou até o de agora”.

O Secretario Xeral da CIG fixo unha análise das alternativas que se están a barallar para saír da crise. Alternativas que confirman “a compoñente de clase deste sistema porque van dirixidas a recortar de novo direitos, a precarizar as condicións laborais... a prexudicar unha vez máis á clase traballadora e non precisamente a buscar saídas á crise que eviten que se vaia reproducir  ou que dure moito tempo, ou que axuden a sair canto antes da mesma”. Medidas das que salientou que manteñen intacto o actual modelo “orientado cara unha economia altamente especulativa que o que fixo foi favorecer precisamente os intereses dunha minoria: da oligarquia financeira, dos especuladores, fronte os intereses da maioria social”.

Seixo lembrou que fronte estas medidas a CIG aposta por controlar o sector financeiro, potenciar a economia produtiva fronte a especulativa, eliminar os paraísos fiscais ou pola creación dunha banca pública para garantir que os recursos cheguen ás famílias ou ás empresas necesitadas (...)

O Secretario Xeral da CIG lamentou que nen o Goberno Galego nen o goberno estatal estean dispostos a atender a estas propostas que se veñen facendo desde o campo sindical ao ámbito político e a aquelas institucións que tiñan que poñe-las en práctica. “Ante iso só nos queda unha solución que é o traballo de concienciación social e a mobilización, para obrigar aos gobernos a que fagan políticas de carácter estrutural, e poñan en marcha reformas profundas que nos leven a un modelo de organización social e económico moito máis xusto, solidário e democrático que o modelo actual”.

Manifes

Vigo, ás 12:oo h. con saida do Cruce da Doblada.

Coruña, ás 12:oo h. con saida da Praza de Vigo

Compostela, ás 12:3o h. con saida da Praza Roxa

Pontevedra, ás 12:3o h. con saida da Praza da Ferreria

Ferrol, ás 12:oo h. con saida da Avda. de Esteiro

Lugo, ás 12:3o h. con saida da Ronda da Muralla

Ourense, ás 12:oo h. con saída do Pavillón dos remedios

Ribadeo, ás 12:30 horas, con saída do Edificio Sindical