Dia da Pátria Galega 2o1o

Perto de 3000 persoas maniféstan-se con Causa Galiza pola autodeterminación e contra o capital

 

 

A manifestación unitária do soberanismo galego no Dia da Pátria, convocada por cuarto ano consecutivo por Causa Galiza, mostrou o froito da intensa campaña divulgativa que realizou a iniciativa por todo o País, superando amplamente a asisténcia a anteriores convocatórias. Case 3000 persoas acudiron á marcha unitária, que saiu ás 13:3o horas da Alameda de Compostela baixo o lema “Para enfrontarmos o capital, aquí e agora soberanía nacional” e rematou na Praza do Toural, onde se deu lectura a un manifesto no que se destacou o papel do direito de autodeterminación para solucionar os problemas socioeconómicos do país.

 

O manifesto lido na Praza do Toural advertiu ás persoas asistentes o inútil de esperar “atopar nunha ou noutra administración autonómica as solucións do noso pobo” xa que residen “en facer-se soberano do seu próprio destino liberándo-se dia a dia das cadeas que o asoballan”. Este é o traballo para o que “Causa Galiza veu desenvolvendo un humilde mais contante traballo de socialización do direito de autodeterminación”.

 

O Movemento pola Base reafirma o seu compromiso con Causa Galiza, e alenta ás galegas e galegos que se somen á iniciativa soberanista. O MpB translada os seus parabens a todas as Compañeiras e Compañeiros que fixeron posíbel a boa organización e desenvolvimento dos actos do Dia da Pátria 2o1o.