Estatutos
Art 1.- O Movemento pola Base é unha organización de clase revolucionaria que loita pola plena soberanía nacional de Galiza -pola independencia nacional entendida como exercicio do direito de autodeterminación a todos os niveis- e pola superación do capitalismo através da construción do poder popular no camiño da sociedade socialista.
Art. 2- A nosa organización asume como principios e obxectivos os intereses estratéxicos da Clase Operaria Galega.
Art. 3- A nosa organización rexeita todos os sistemas e modelos de dominación e loita contra unha división xerarquizada e de xénero da sociedade, na defensa dun modelo de sociedade igualitaria, sen discriminación de xénero nin por opción sexual.
Art. 4- A nosa organización utiliza como xeito de análise o marxismo, e emprégao como unha teoría de interpretación da realidade e de praxe concreta, de cara á transformación revolucionaria. Recollemos tamén o legado da loita en Galiza a prol da identidade nacional e da nosa liberación, así como as experiencias noutros países da clase operaria, das organizacións populares e dos movementos de liberación nacional.
DA MILITANCIA
Art 5.- Pode ser militante calquera persoa que o desexar e aceite os presentes estatutos e os principios ideolóxicos da organización.
Art 6.- O ingreso é individual é voluntario e quen o solicitar deberá ser presentado na Asemblea de Zona que corresponda. A alta dun/ha militante farase efectiva de ter na Asemblea máis votos a favor que en contra. No caso de non existir Asemblea de Zona constituída, a petición de entrada farase através da Mesa Nacional.
Art 7.- As baixas hanse facer efectivas no momento de seren notificadas na Asemblea de Zona correspondente.
Art 8.- Son dereitos das/os militantes:
-Participar en pé de igualdade co resto de compañeiros da vida diaria da organización e na elaboración da liña política e propostas desta.
-Empregar os locais e demais infraestrutura da organización
-A formación política e ideolóxica. Recibir información sobre todos os debates e actividades da organización.
-Votar, elixir e ser eleito para calquera cargo na organización.
-Recibir apoio solidario da organización en caso de sofrer persecución ou represión por mor da súa militancia.
Art 9.- Son deberes das/os militantes:
-Defender publicamente os acordos da organización e a súa liña política..
-Observar unha práctica, pública e privada, coherente coa súa militancia, comezando polo emprego do noso idioma a todos os niveis.
-A solidariedade e o compañeirismo con todos os membros da organización.
-Asistir ás reunións, participar dos debates e practicar a crítica e a autocrítica de xeito responsábel e construtivo.
-Cotizar coa cota estabelecida.
Art 10.- Sancións:
a) A sanción poderá ser: chamada de atención, reprobación, relevo da responsabilidade que se ocupe, baixa temporal ou definitiva.
b) A proposta de sanción correspóndelle á Asemblea de Zona na que milite a compañeira/o obxecto da mesma ou á Mesa Nacional, e terá que contar co apoio da maioría dos presentes. En todo caso o compañeiro/a poderá recorrer a sanción ante a Mesa Nacional.
c) Correspóndelle á Mesa Nacional a toma en consideración da sanción e do recurso.
d) As causas de sanción serán o incumprimento das obrigas aparelladas á militancia e aqueloutras que estimar o organismo oportuno.
ORGANISMOS
ASEMBLEA NACIONAL
Art 11.- A Asemblea Nacional é o máximo organismo de decisión da organización, e está conformado por todos os militantes dados de alta conforme o Regulamento da mesma. Hase reunir ordinariamente cada dous anos e de xeito extraordinario cando así o decida:
-A Mesa Nacional
-O 51% da militancia
-2/3 das Asembleas de Zona
Art 12.- Son funcións da Asemblea Nacional:
-Elixir mediante sufraxio directo e secreto once membros da Mesa Nacional.
-Definir a liña política da organización.
-Atender a rendición de contas dos organismos de dirección, debatendo o informe de xestión elaborado pola MN.
-Definir e modificar os estatutos da organización.
-Dar conta do estado das finanzas da organización.
-Calquera outra que soberanamente a Asemblea decida.
MESA NACIONAL
Art 13.- A Mesa Nacional é o principal organismo de decisión entre Asembleas Nacionais. Está conformado polos membros eleitos na AN e representantes por cada zona formalmente constituída e naquelas nas que contemos con presenza, así como os/as responsábeis das Comisións constituídas, sendo estes/as elixidos/as polas propias comisións. Para que unha Comisión designe un representante na Mesa Nacional deberá ter un funcionamento estábel, e unha participación da militancia de certa entidade.
Art 14.- A Mesa Nacional ha contar coas responsabilidades de carácter político, organizativo ou sectorial que se determinen.
Art 15.- Son funcións da Mesa Nacional:
-A representación colexiada da organización a nivel nacional
-Executar a liña política definida pola Asemblea Nacional.
-Coordinar o traballo nacional entre Asembleas Nacionais.
-A análise da conxuntura política.
-Traballar pola extensión territorial e de militancia da organización e aprobar a constitución de novas zonas.
-Atender as propostas de sanción e os recursos ás mesmas
-O control sobre as finanzas da organización.
-Convocar a Asemblea Nacional cando corresponder ou así se solicitar conforme os Estatutos.
PLENARIO NACIONAL
Art 16.- A Mesa Nacional poderá convocar Plenarios Nacionais nos que poderá participar toda a militancia co obxectivo de debater cuestións concretas. Tamén se han poder convocar a petición da militancia coas mesmas condicións determinadas para as AN extraordinarias.
ASEMBLEAS DE ZONA
Art 17.- A organización estrutúrase en Asembleas de Zona que se reunirán ordinariamente cunha periodicidade mensual. A súa extensión e configuración poderá variar conforme as necesidades operativas de cada momento, en base ao criterio dos propios militantes da zona. En calquera caso, a creación, agregación ou segregación de zonas será ratificada pola Mesa Nacional.
Art 18.- Cada zona formalmente constituída ha elixir de entre os seus membros 1 representante ante a MN, que serán dous no caso de que a zona conte con máis de 20 afiliados e afiliadas, un dos cales exercerá como Responsábel de Organización na Zona e cuxa función ha ser convocar as Asembleas, facer cumprir os acordos tomados e servir de canle de comunicación coa organización nacional. A zona elixirá tamén todas aquelas responsabilidades que coide precisas.
Art 19. -Alá onde se estimar oportuno, poderanse elixir Consellos de Zona con carácter executivo.
ASEMBLEAS LOCAIS E OUTRAS ESTRUTURAS
Art 20.- As Asembleas de Zona poderán aprobar a constitución de Asembleas Locais, de Centro de Traballo, sector ou outras que se adapten á realidade organizativa alá onde for preciso.
SÍMBOLOS, HINO E VOCEIRO
Art 21.- Asumimos como propia a bandeira nacional galega coa estrela vermella de cinco puntas, símbolo da liberación nacional, ademais da bandeira vermella coa fouce e o martelo, símbolo da loita polo socialismo.
Art 22.- O anagrama ha ser unha bandeira nacional galega parcialmente superposta a unha bandeira vermella, de xeito que permita ver unha parte desta última.
Art 23.- Asumimos como propios o Himno Nacional da Galiza e A Internacional, himno da clase traballadora.
Art 24.- O voceiro chámase “Pola Base” e ha ter a periodicidade que a MN determine.